Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
RICARDO DE BARREIRO

“Parei como actor pola necesidade de, aínda gañando a metade, poder ser o dobre de feliz”

Todo o que se invista en cultura é pouco. Sen cultura non hai pensamento crítico e sen el rexorden pantasmas do pasado”

Ricardo é desas persoas que deixan marca aló por onde pasa. Un lousamián tremendamente próximo, amigable e interesante, dos que pasas falando horas e parecen minutos. Un actor de referencia no audiovisual estatal pero sobre todo no galego, xa que se pensas nos grandes títulos das últimas dúas décadas estivo en case todos. Fariña, O sabor das margaridas, Pradolongo, Vilamor, 18 comidas, O Descoñecido, Matalobos. Todas contaron con el, o que non pode ser casualidade. Pero ademais non se queda aí, porque el non se considera actor, sería restrinxirse a unha soa faceta, algo do que sempre fuxiu. É artista. A súa versatilidade para ocupar varios rexistros e as súas ansias de crear, de ser libre e desfrutar co que fai, levárono a apostar pola pintura e a escritura. Proxectos nos que está máis centrado neste momento. Sempre extrae o lado positivo da vida, e do confinamento lévase o reforzo das relacións humanas e á señora Carmen. Unha veciña de 82 anos á que coñeceu nesta etapa e á que o uniu unha relación de amizade. Él regálalle flores e ela plantas. Así pasan os días.

Que é o que destacarías de Lousame e da comarca do Barbanza?

O que para min define mellor á xente do Barbanza é o seu carácter, o cal é moi potente, forte e definido. O que ten que ver tamén coa paisaxe e co mar. Un moldea ao outro.

Parte da túa traxectoria profesional desenvolveuse fóra de Galicia. Foi unha decisión persoal ou unha especie de obriga para conseguir adicarte a túa profesión?

Todas as veces que traballei fóra de Galicia foi porque me chamaron para facelo, non é algo que buscase. O que me atraeu de traballar noutros lugares como Madrid, onde desenvolvín moitos proxectos, non foi o mero feito de estar nesa cidade senón a oportunidade de traballar con directoras e directores aos que lle tiña un enorme respecto profesional polo que facían, como Jose Luis Cuerda ou outros moitos. Pero xa non falo exclusivamente como actor, senón que como pintor e artista en xeral estaría disposto a ir a calquera sitio do mundo no que me sentise cómodo e atraído por algo. Non me gusta poñerme barreiras a min mesmo. Guíome polo que sinto, tanto no persoal coma no profesional.

Como levaches o confinamento?

O confinamento leveino moi ben, sorprendentemente. Atópome nun momento vital no que a todo lle intento sacar o lado positivo e penso que se algo bo trouxo isto foron as relacións humanas, os lazos que se construíron ou máis ben reconstruíron. Nas cidades as veces desmaterialízanse un chisco estas relacións, ti vas facendo o teu día a día, superando o estrés diario e ás veces non coñeces nin aos teus veciños. Estes meses serviron para todo o contrario, para crear máis comunidade e coidados.

Cando comezou o confinamento estabas en plena xira de promoción do teu proxecto A+A. Como che influíu isto tanto a nivel persoal como económico?

Este parón foi un desastre, un pau para toda a sociedade. O que sucede ademais co gremio dos artistas e que moitas veces só se acordan de nós para facer cousas gratuítas e solidarias, o que fai que collamos callo. Ás veces hai que poñer un límite a isto. Facer accións gratis para axudar á xente que o está pasando mal paréceme xenial e é moi necesario, pero tamén sucede que non se pon a vista no gremio cultural, que tamén o pasamos mal e sufrimos para chegar a final de mes. Antes do confinamento tiña unha difusión de A+A bastante notable, vendimos 715 exemplares e xa vai pola segunda edición. Polo que estaba tirando en exclusiva disto. En marzo tiven que parar todo pola pandemia, co cal tocou renovarse, polo que aproveitei para pintar de novo. E deuse a curiosidade de que moita xente invertiu en arte, conseguindo vender varias obras. Sempre me considerei un actor que pintaba as súas personaxes, precisaba esa liberdade para construir os papeis que facía, para darlles a forma que eu entendía que tiñan que ter. De feito comecei antes como pintor que como actor.

Que significa para ti este proxecto de A+A?

A min gústame moito falar do efecto tarzán, é dicir, cada liana leva a outra liana sen poñer os pés no chan. Así son eu, enlazo un proxecto con outro. Nos últimos tempos pasei do Sabor das Margaridas a Amores autodidactas (unha colección de pinturas) e cando os vendín nunha galería apostei por A+A. É algo que fixen sempre. Xa no referido a A+A, é un audio-libro co que busquei achegarme á xente, ir a buscala as súas casas que coido que é a única maneira de que se involucren no que fas, que pasen un rato agradable contigo. Entón para captar esa atención, adoito facer unha performance na que lío ao meu marido para que me acompañe nas viaxes e facemos espectáculos dunhas 30 persoas. Algo impensable a día de hoxe pola pandemia, xa non só polo cantidade de xente senón polo número que interpreto, porque é moi de contacto, moi próximo.

Por que un actor de renome, decide facer un stand by na súa carreira como actor, para adicarse a un proxecto persoal desta índole que seguramente esté peor remunerado?

Pola miña necesidade de gañar a metade de cartos pero ser o dobre de feliz. No meu caso teño a fortuna de tocar varios paus, penso que non hai mellor terapia para enfrontarse a vida. Necesitaba parar porque sentía que xa non era o dono da miña carreira. Sempre fun unha persoa a que me gustou mandar nos meus proxectos e ultimamente non o sentía como tal.

Consideras que debería haber unha maior aposta e investimento por parte das institucións públicas ao audiovisual galego?

Todo o que se invista en cultura é pouco. Se son sincero non sei o investimento real, a cifra concreta, pero todo o que se invista é pouco, porque unha sociedade sen cultura non existe. Sen cultura non hai pensamento crítico e sen el rexorden pantasmas do pasado. Uns que causaron moita dor e sufrimento e que parecen querer voltar.

Crees que existe unha nova efervescencia do séptimo arte en Galicia. Que se valora máis que antes o audiovisual feito aquí?

Si que pode ser que estea máis valorado, porque se fan máis cousas e hai máis profesionais. O que noto é que hai unha maior preparación. Na época na que eu me formei, un guiábase por ver o que facían certos referentes dos que ti extraías ideas (Xosé Manuel Olveira Pico, Ernesto Chao, Candido Pazó...). Agora a xente vai a unha velocidade vertixinosa. Tamén gracias ás novas tecnoloxías que permiten chegar dunha maneira máis rápida e eficaz que antes. A modo de resume diría que é máis coñecido, non máis recoñecido.

Despois de traballar nunha multitude de películas e series de enorme transcendencia no imaxinario popular e con profesionais dunha gran traxectoria. Cal foi o director/a e o actor/actriz que máis te marcaron?

Directores quédome con dous. Alfonso Zarauza e Daniel de la Torre. Alfonso foi co que mellor me entendín ata o de agora. Con Dani é co que comecei e úneme unha forte relación de amizade. Cando vexo que lle vai ben a xente así na súa profesión, sinto que algo funciona, é como se me fose ben a min. En canto a actores, destaco a Xosé Manuel Olveira Pico por enriba de todo. Foi o meu pai artístico. É a persoa da profesión á que máis quero. Tampouco me quero olvidar de Nuncy Valcárcel e María Mera. Sempre foi un pracer traballar con elas e estou namorado de todo o que fan.

Cine, teatro ou televisión?

O cine é o que máis me gusta. Pero para chegar ao cine hai que amar e mamar moito teatro. Quero deixar unha cousa clara tamén. Un actor non o é máis por sair na tele, a maioría de actrices e actores non conseguen sair nunca na gran pantalla, é moi duro. Un é actor para dez, cen, mil ou para un millón de persoas, porque o sente e o leva por dentro.

O audiovisual, a pintura ou a escritura?

Eu como son feliz é creando. Sería como elixir que amputar, se a man dereita ou a esquerda. A pintura lévame a escribir e logo a facelo teatro. É como unha cadea, unha simbiose perfecta. Non se pode entender a unha sen a outra.

En relación a exposición mediática que tedes os actores. Que é o que máis botas de menos de cando eras descoñecido para o gran público?

A xente que me recoñece sabe perfectamente o meu nome. Sempre me colleu por sorpresa que me recoñecesen ou que quixesen sacar unha foto conmigo. A día de hoxe ségueme sorprendendo. Eu estou encantado porque nunca tiven malas experiencias. Sempre me deixaron o meu espazo e me trataron con moito afecto e respecto, o que agradezo profundamente.

Un desexo para o ano 2021?

Desexo que todo o mundo saque unha conclusión positiva do que está sucedendo nesta crise. Gustaríame que isto sirva para valorarnos máis os uns aos outros, para reforzar as relacións humanas. Por agora, aínda que non de xeito presencial, seguimos confinados emocionalmente xa que non podemos darnos bicos e abrazos, ter un contacto máis directo. Pero cando consigamos levarnos a pandemia por diante gustaríame que se incrementase o número de coidados e aproveitar para darnos moito amor entre a xente que queremos. Darlle todo o valor que merece.

02 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.