Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 26 noviembre 2021
17:43
h
No circuíto peonil o pavimento de madeira podreceu e é unha trampa mortal // Varias zonas, entre elas a explanada de camións, están a escuras // Non se controla o acceso // Hai portas atadas con bridas e ata atrancadas con escobas TEXTO Suso Souto

Perigosas deficiencias por falta de mantemento na lonxa de Ribeira

O día sete de agosto de 2017 entraba en servizo a nova lonxa de Ribeira, a maior e a máis moderna das construídas pola Xunta e que contou cun investimento de 14 millóns de euros. Hoxe, tres anos e medio despois, o seu funcionamento é modélico, pero o complexo presenta lagoas en materia de seguridade, e o seu entorno acumula perigosas deficiencias pola falta de mantemento.

A pasarela de madeira que circunda o complexo foi concibida como un circuíto peonil para que os visitantes poidan contemplar a través dos cristais a actividade no interior. Pero as madeiras podreceron e as táboas afúndense a cada paso, convertidas nunha trampa mortal.

E, se facer ese percorrido resulta perigoso de día, máis o é aínda de noite, porque, segundo o deseño inicial, o circuíto debería continuar cara o Club Náutico, pero o paseo remata no medio da explanada de carga dos camións. Unha zona, por certo, que carece de iluminación, ao igual que outras do entorno.

Ademais, a pasarela é inaccesible para persoas con mobilidade reducida, porque se inucia nunha longa escaleira. E tampouco é accesible dende o interior, a pesar da existencia de ascensores (por certo, o da entrada principal está fóra de servizo dende hai tempo). Cabe sinalar que nun treito desa deteriorada pasarela ubícase a terraza da cafetería que obtivo a concesión na rula, polo que os seus clientes, ao igual que os que queren pasear por ela, vense obrigados a camiñar pisando primeiro ca punta do pé para asegurar o paso.

Ollando a través dos cristais, aflora outra sorpresa: nas salas de subastas cólanse as gaivotas, que se pousan nas repisas do teito e defecan sobre as caixas do peixe.

En canto ás portas que dan ó circuíto peonil, por dentro están atadas con bridas, e mesmo algunha está atrancada co pau dunha escoba, o que non supón moita garantía de seguridade. Pero o máis grave é que o complexo carece dun sistema de control dos accesos na porta principal. Na dependencia na que supostamente debería haber un garda de seguridade, nunca hai ninguén porque non está contratado ese servizo (algo que, segundo a adxudicataria, compételle a Portos), de tal xeito que calquera pode entrar e circular libremente pola lonxa.

GAIVOTAS NAS SUBASTAS. A empresa Lonxa de Ribeira, que ten a concesión provisional do complexo, sinala que “en efecto, as portas dos pasillos da planta superior que dan ó exterior (á pasarela) están atadas por dentro con bridas, pero esa zona non está en uso; non son saídas de emerxencia; e atáronse para reforzalas” ao non ser moi resistentes a un posible golpe. Respecto á presenza de gaivotas nas salas de subastas, indica que “é un problema recurrente en todas as lonxas, de difícil solución, sobre todo nun edificio con 25 portas” e que “non se coñece ningún método eficaz para evitalo”.

PORTOS ESTÁ “EN CONTACTO”. Pola súa banda, en resposta a todas estas cuestións, Portos de Galicia limitouse a sinalar a este xornal que está “en contacto co autorizado principal das instalacións para resolver os problemas de funcionamento que se van detectando”.

A lonxa ribeirense subastou o ano pasado máis de 27.000 toneladas de peixe e marisco (a mesma cantidade que en 2019) por valor de 38 millóns de euros (o que supón unha caída do seis por cento en valor, debido principalmente ás consecuencias da pandemia). Nela operan unhas 250 empresas compradoras.

“No exterior a competencia é de portos”
Image
Fernando Carreira Xerente da lonxa de Ribeira

Fernando Carreira, xerente da lonxa ribeirense (da cal ten a concesión provisional a empresa Lonxa de Ribeira ata o oito de agosto, cando Portos a sacará a concurso) sinala que dita firma non ten a concesión da totalidade do complexo, senón só de determinadas dependencias, “nas que si controlamos quen pode estar ou non dentro”. Outras partes, como unha da primeira planta ou os 40 almacéns, están pois fóra do control da adxudicataria. En canto ó estado da pasarela ou ás deficiencias de iluminación fóra do complexo, Carreira sinala que “no exterior as competencias son de Portos”. E, no tocante ó control dos accesos, insiste: “Nós controlamos o acceso nas zonas da concesión”.

01 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.