Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
MISTERIO. Nun banco, á porta da casa do home que hai anos a atopou, ‘exhíbese’ un busto de pedra que podería ser castrexo // A súa descontextualización dificulta a certificación TEXTO S.S.

Piden estudar a orixe da estraña Cabeza de Sabardes, de Outes

A Asociación Cultural A Rula, que preside Luis Leclere, leva meses reclamando que a Xunta e o Concello de Outes investiguen a orixe dunha curiosa escultura pétrea que podería datar da época castrexa e que se atopa ás portas dunha vivenda de Freixo, en dito municipio: a Cabeza de Sabardes. Foi atopada hai varios anos por un veciño, xa falecido, que a colocou contra a parede da casa, nun banco, a carón dun muíño de man castrexo ou galaicorromano.

O problema para o estudo da peza radica en que está descontextualizada, ao non saberse con certeza o lugar no que foi atopada e, por tanto, non poder estudar o terreo. E, aínda que podería tratarse dunha peza castrexa, nin os expertos consultados nin as administracións públicas parecen dispostos a certificar unha peza que poida ser falsa.

Un dos primeiros en reaccionar en defensa da Cabeza de Sabardes foi un colaborador de dito colectivo, Luis del Río, quen, tras coñecer da súa existencia a través de Anxo Núñez (edil do BNG outense) informou da mesma á citada asociación.

A entidade consultou a Patrimonio, co Concello, ó investigador local Xoán Xosé Mariño (presidente da asociación Terra de Outes) e a un gran coñecedor da zona, Elixio Vieites, así como a diversos estudosos e especialistas, como Puri Soto, Manuel Santos Estévez, Xulio Carballo Arceo ou Francisco Calo Lourido. Todos amosaron interese e aportaron interesantes observacións, así como certas reservas, principalmente no momento de facer unha proposta de adscrición cronolóxica.

Ao feito de que a persoa que a atopou xa faleceu súmase outra complicación: os seus fillos teñen ofrecido versións contraditorias sobre a data e o lugar do achádego. E, mentres sosteñen que apareceu nun antigo serradoiro da zona, algúns veciños aseguran que aflorou cando o home estaba labrando.

Leclere pensa que Patrimonio “non ten capacidade para investigala, salvo que se recorrise á vía xudicial. O ideal sería convencer ós donos para que a depositen nun museo e se poida estudar”. Sen embargo, fontes consultadas por este xornal apuntan a que os propietarios non están pola labor de facilitar a investigación. Neste intre son dúas as actuacións que urxe realizar: un estudo petrolóxico para coñecer a composición da pedra (posibilidade que o arqueólogo Manuel Lestón só comentou “de forma verbal” e que considera “algo a seguir falando, e sempre ca autorización dos actuais propietarios”) e outro do terreo do serradoiro no que supostamente foi atopada (algo que Lestón quere facer “tan pronto poida”).

o protagonista
“Encarguei un informe a un arqueólogo”
Manuel González
Alcalde de Outes

O alcalde outense, Manuel González, dixo que “encargueille un informe ó arqueólogo Manuel Lestón e, á espera de que o redacte, xa ten algunhas conclusións provisionais que apuntan a que podería ser de orixe castrexa”. Pola súa banda, Lestón está a investigar a súa procedencia e, co obxectivo de contextualizala o mellor posible, propuxo a realización de probas que permitan identificar a orixe da pedra coa que foi feita.

{ a letra pequena }
Sentados
Suso Souto

NIN PATRIMONIO nin o Concello de Outes. De momento, ninguén falou directamente cos donos da Cabeza de Sabardes. Os únicos que teñen demostrado interese polo estudo da peza son os socios e colaboradores da asociación A Rula, que están a facer un traballo que terían que estar acometendo as administracións públicas. Teñen medo de que salte a lebre e os donos da peza se neguen a ser meros depositarios e obstaculicen (aínda máis, por certo) as (tímidas) xestións. Se ben é certo que hai que ser cautos e non especular, ante a mínima sospeita de que poida ser unha peza castrexa é necesario investigar con dilixencia, urxencia e rigor. Pero o certo é que non se avanza por este camiño e, mentres, a Cabeza de Sabardes segue agardando sentada nun banco a que actúe Patrimonio, exposta a que desapareza.

14 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.