Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 19 septiembre 2021
10:58
h

Prohibición de interactuar co arroaz solitario da ría noiesa

A Xunta lembra que non é unha mascota // Recomendan non manter contacto co animal e respectar as súas áreas de descanso

Ós cetáceos encántalles Galicia. Moitos chegan atraídos pola riqueza das súas augas. O máis coñecido na ría de Muros-Noia é o golfiño Manoliño, bautizado por un mariscador, que o ano pasado sorprendeu a bañistas e pescadores da zona protagonizando escenas inéditas, similares ás da pasada fin de semana.

Por ese motivo, a Xunta recorda que os arroaces “son animais silvestres, non mascotas, polo que non se debe interactuar cos mesmos”. Con motivo da Semana do Medio Ambiente, a Consellería incide neste tipo de recomendacións ante o episodio rexistrado na ría noiesa, onde varias persoas se bañaron e interactuaron cun exemplar de tursiops truncatus.

Dende o goberno autonómico lembran que “a situación de illamento deste arroaz e a súa soidade, fan que aumente a súa curiosidade” polas actividades humanas, pero cómpre ter en conta que “se trata dun animal silvestre, e non dunha mascota, polo que non se debe molestar, evitando en todo momento interactuar con el”.

Así, recoméndase non ofrecerlle nunca comida, non meterse intencionadamente na auga ao seu carón, nin entrar -deliberadamente- no seu radio de contacto. Segundo indican, no caso de estar na auga, débese evitar tocalo ou aproximarlle as mans. Tamén se deben respectar sempre as súas áreas de descanso e, se se detectase un comportamento incómodo pola súa parte, débese saír da auga e afastarse do seu contacto.

Se ben é certo que a presenza de exemplares de tursiops truncatus é un feito común, posto que resulta habitual atoparse cos arroaces nas rías en calquera época do ano, o novidoso desta situación é que se trata dun arroaz solitario, un comportamento que non é frecuente, xa que adoitan convivir en mandas de quince exemplares de media.

“A soidade deste exemplar pode deberse a que en ocasións non son aceptados nas mandas e se reclúen ata atopar outros individuos das súas mesmas características”, informa a Xunta a través dun comunicado.

MEDIDAS A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que dirixe Ángeles Vázquez Mejuto, xa trasladou a semana pasada ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico información -facilitada pola Asociación CEMMA- sobre a evolución do comportamento deste delfín mular para que, no marco das competencias en biodiversidade mariña, adopte as medidas que estime oportunas para minimizar a interacción do animal coas persoas.

02 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.