Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Reclaman os nacionalistas un modelo de coxestión para o Museo do Mar de Noia

Tamén solicitan que se cre unha mesa para consensuar a planificación da musealización do edificio

Noia. O BNG vén de rexistrar unha iniciativa no Concello de Noia para que “se cumpran coas bases da subvención para a construción do Museo do Mar e coa promesa da creación dunha mesa de traballo para consensuar o modelo de co-xestión”, afirman a través dun comunicado.

Ao respecto lembran os nacinalistas a proposición non de lei presentada pola formación frentista no Parlamento de Galicia, que foi aprobada por unanimidade dos grupos.

Tamén recordan que entre a documentación que serviu de base para a presentación do proxecto figuraba o inventario de material da propia Asociación Mar de Noia e na memoria do mesmo recóllese: “Modelo de co-xestión. O museo será xestionado como ata a data pola ‘asociación Mar de Noia’, se ben se contempla a posibilidade de contratar no futuro a persoal se a demanda do museo así o require (...)”.

Aseguran dende o BNG que o establecemento nas bases do proxecto dun modelo de co-xestión “e a falta de toma en consideración da asociación no proceso de planificación do museo” foron as circunstancias que levaron ao Parlamento galego “a instar ao cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela en canto aos obxectivos, realización das actividades ou adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención”.

Neste contexto, en diferentes comisións e xuntas de portavoces que se levaron a cabo durante o pasado ano, “os diferentes grupos políticos do municipio coincidiron na necesidade da creación dunha mesa para consensuar o modelo de xestión e a planificación da musealización do edificio”. Nesta mesa, segundo o acordado, apuntan os nacionalistas, estarían presentes: todas as formacións políticas, representantes do citado colectivo, técnicos municipais e expertos en musealización.

Por todo, dende o Bloque lamentan que “pasado xa o primeiro trimestre de 2021 e dita mesa non foi composta nin convocada”, e por iso piden ao goberno local que proceda a facelo canto antes. m. c.

08 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.