Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Reducen tempos de resposta na comarca co novo GES noiés

Atenderán aos concellos de Lousame e O Son mellorando a cobertura de incidencias na zona

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participaron onte xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, nun encontro telemático co deputado provincial, José Blas García, e o alcalde noiés, Santiago Freire, no que trataron a posta en marcha do servizo de emerxencias municipal de Noia, que atenderá tamén ós concellos de O Son e Lousame e que permitirá reducir os tempos de resposta nesta zona.

Durante a reunión, Natalia Prieto explicou que, unha vez que o concello de Noia se adhira ao acordo de colaboración entre a Xunta, as deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), poderá realizar as contratacións ou adscrición do persoal. Os procesos de selección dos efectivos inclúen formación no eido das emerxencias impartida desde a Academia Galega da Seguridade Pública.

Deste xeito, este novo equipo permitirá mellorar a cobertura das incidencias na comarca, xa que ata agora o concello noiés estaba cuberto polo GES en Brión. Ademais, darase cobertura a O Son, que non se atopaba no ámbito de ningún grupo e liberarase a atención do GES de Brión, que abarca unha poboación atendida por riba da media.

Así, a Xunta aposta por completar e mellorar o mapa de emerxencias da comunidade con 5 novos GES. Isto supón, segundo indican, un incremento de 300.000 euros do investimento anual da Xunta nestes servizos ata os 4,8 millóns de euros, máis da metade do seu custo anual.

A creación destes grupos aprobouse na comisión de seguimento que integran o Goberno autonómico, as deputacións e a Fegamp.

Desde a institución que preside Valentín González Formoso valoraron positivamente a constitución da base de emerxencias noiesa, a cal permitirá eliminar a “zona de sombra” que existía nos concellos de Noia, Lousame e Porto do Son e mellorar a atención de emerxencias neste territorio. García afirmou que isto “pon de manifesto que nunca debeu suprimirse o servizo que xa existía na localidade”, en referencia á base do Grumir (antigos GES) que foi suprimida en 2013.

Por último, o deputado sostivo que a Administración autonómica e a Deputación coruñesa teñen por diante dous retos importantes este ano: Definir o novo convenio dos GES e a posta en marcha do novo parque comarcal de bombeiros que dará servizo á área de Compostela.

05 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.