Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
POSTA EN VALOR. Está na Lista Vermella de Hispania Nostra xunto coas de Valga e Catoira // Consérvanse muros perimetrais, forno, vivenda, embarcadoiro e eira // O rexedor vai localizar ó dono e encargar un estudo do custo da actuación TEXTO S. S.

Rianxo pretende limpar, sinalizar e divulgar a telleira de Quintáns

O pasado 21 de xullo, a asociación Hispania Nostra (delegación española da Unesco que vela pola protección e posta en valor do patrimonio cultural) incluíu na súa temida Lista Vermella a antiga telleira de Quintáns (sita no municipio de Rianxo), un elemento singular do noso patrimonio industrial situada ós pés do río Ulla, e moi preto doutras tres construcións similares que tamén figuran no citado listado dende a mesma data: as de Padín e Roeiro (en Valga) e a das Rañas (en Catoira).

A rianxeira está no lugar de Agro de Telleira, entre Quintáns e A Vacariza. O seu fundador foi Joaquín Rial Blanco, e foi transmitida de xeración en xeración na súa familia.

Os seus descendentes xestionárona ata que foi arrendada a José María Francisco, de A Guarda, quen logo traballaría tamén as telleiras antes citadas de Roeiro e das Rañas, que tiñan fornos de maior capacidade. O barro procedía principalmente de Dena e era mesturado para facer os ladrillos con barro rico en esquisto extraído dunha barreira nun monte veciño, onde aínda existen covas das que se sacaba.

O forno é rectangular con caleira aberta ao río Ulla. Tiña unha casa para os telleiros e un embarcadoiro de pedra onde antigamente había dous barqueiros cun turno semanal cada un. Producíase tella grande e normal. Na actualidade consérvanse os muros perimetrais. O forno e a vivenda dos telleiros, así como o embarcadoiro e a eira permanecen.

E, dado que se trata dunha construción de titularidade privada, o Concello de Rianxo non pode actuar nela para recuperala, como desexaría o goberno local. Con todo, o alcalde, Adolfo Muíños, informou a este xornal da súa intención de tentar localizar ós actuais donos e de “encargar unha pequena memoria sobre a telleira para valorar os custes dunha limpeza e da súa sinalización”.

En canto ó estado actual das outras telleiras da zona, a de Padín conserva os muros perimetrais, a edificación principal, o forno, a eira e o embarcadoiro; a de Roeiro, os muros perimetrais, o forno (o único circular da zona), as ruínas da vivenda dos telleiros, a eira e o embarcadoiro; e a das Rañas, muros perimetrais, forno, embarcadoiro, ruínas da vivienda dos telleiros e a eira.

A Lista Vermella recolle aqueles elementos do patrimonio cultural español que se encontran sometidos a risco de desaparición, destrución ou alteración esencial dos seus valores, co obxecto de dalos a coñecer e lograr a súa consolidación ou restauración. Nela foi incluído tamén o Pazo de Goiáns, en Boiro. Neste caso, foi o concelleiro de ICB, Manuel Velo, quen o propiciou coa súa denuncia ante Hispania Nostra o día 23 de abril do pasado ano.

Precisamente o Concello boirense está levando a cabo na actualidade unha profunda restauración desta histórica construción do século XVI. A actuación está xa moi avanzada e estes días estanse a instalar as vigas de madeira para colocar a cuberta. As obras non só se centran na rehabilitación da parte da vivienda, senón que tamén afectan á torre.

Será entón cando o Concello boirense solicite incluír o citado pazo na Lista Verde, na que figuran os bens retirados da Vermella ó desaparecer o risco que presentaban tras ser obxecto dunha intervención.

areadecompostela@elcorreogallego.es

o protagonista
“SERÍA BO UN PLAN COMÚN DE PATRIMONIO”
Adolfo Muíños
Alcalde de Rianxo

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños Sánchez, informou a este xornal que a súa intención, unha vez que se poida levar a cabo a limpeza e sinalización da antiga telleira de Quintáns, é a de dirixirse á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia “para ver se fará algún plan para o conxunto das telleiras que hai no río Ulla”. O obxectivo que persegue o Concello é contribuír dalgún xeito a evitar que a antiga telleira de Quintáns pase algún día directamente á terceira lista de Hispania Nostra, a máis temida: a Lista Negra, na que se inclúen todos os bens que foron retirados da Vermella... pero por ter desaparecido ou terse alterado os seus valores esenciais de maneira irreversible. Por outra banda, a administración local rianxeira vai realizar traballos de limpeza e posta en valor do Castro das Cercas, que se atopa nas inmediacións de dita construción. Neste caso, a actuación farase no marco dun plan dos catro concellos da Mancomunidade Barbanza-Arousa, cunha subvención da Deputación Provincial da Coruña de medio millón de euros, para poñer en valor este e outros castros, todos da Idade de Ferro, ubicados nas catro localidades, creando deste xeito un pequeno roteiro ou parque desa época. Os outros son o de Neixón e o do Achadizo, en Boiro; a da Croa de Postmarcos, na Pobra do Caramiñal; e o da Cidá, en Ribeira. Tamén se actuará no de Baroña, en O Son, e no de Bexo, Dodro.

{ a letra pequena }
Sacar as cores
Suso Souto

NON NACEU PARA AVERGOÑAR, senón para chamar a atención, pero a Lista Vermella de Hispania Nostra cumpre a súa función de denunciar a pasividade ante o grave deterioro de elementos patrimoniais que, estén ou non en mans privadas, son de todos polo seu valor cultural. Cumpre a función de sacarnos as cores. A vermella, en primeira instancia, cando aínda se pode facer algo. A negra, cando xa todo está perdido. Boiro reaccionou a tempo co Pazo de Goiáns, pero polos pelos, porque ultimamente estaba caendo literalmente a cachos. Grazas á intervención que está en curso todos poderemos desfrutar pronto dun novo uso para esa histórica e emblemática construción. O mellor é que non nos teñan que sacar a tarxeta vermella.

18 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.