Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rianxo reúne o sábado nun foro a corenta alfombristas de toda Galicia

Terá lugar no Pazo de Rianxiño, e douscentos participarán tamén en liña dende oito países

Rianxo. O Pazo de Rianxiño, en Rianxo, acollerá o vindeiro sábado día 2 a segunda edición do Foro de Alfombrismo de Galicia, que descorrerá durante todo o día. Pola mañá, alfombristas de distintas localidades elaborarán unha alfombra temática, e pola tarde haberá un encontro de artesáns dese ámbito.

Dende as seis da tarde impartiranse dúas conferencias. Rafa Quintiá falará da importancia do patrimonio cultural e a salvagarda do patrimonio inmaterial, mentres que Carmen Santos Cidrás disertará sobre o alfombrismo e a sostibilidade. Haberá tamén unha actuación do grupo musical Barahúnda e unha exposición sobre a dimensión da devandita arte na Comunidade.

O acto será semipresencial, de xeito que no Pazo de Rianxiño estarán 40 alfombristas de toda Galicia, incluídos de Rianxo, Boiro, Noia, O Son, A Pobra, Palmeira, Ames, A Estrada, Bueu e Miño. A través de conexión por streaming participarán tamén máis de douscentos de diversos puntos de España, Portugal, México, Bélxica, Xapón, India, Malta e Italia.

A primeira edición deste foro celebrouse o ano pasado en Bueu (integramente en liña) e nela impartiron conferencias a noiesa Ana Filgueiras Rei e o rianxeiro Carlos Henrique Fernández Coto.

Por outra banda, O Concello de Rianxo organizou para o sábado 9 un roteiro guiado con prazas limitadas para dar a coñecer algúns dos puntos de interese máis destacados da vila. É precisa a reserva, e a saída será ás 11.00 horas na Praza de Rafael Dieste. s. s.

27 sep 2021 / 14:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.