Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rianxo sae en auxilio da Aldea Maldita: solicita declarala BIC para evitar a súa desaparición

Castelao recolleu en ‘Cousas’ a súa lenda // As talas danaron as ruínas das casas, abandonadas tras a peste do século dezasete

Casualidade ou causalidade, o certo é que, despois de que nas últimas semanas este xornal se fixese eco en dúas ocasións do chamamento da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural de Galicia (Apatrigal) para adoptar medidas de protección para as aldeas abandonadas de Xei (Noia), Galea Vella (Boiro) e Abuín (Rianxo), a Corporación municipal rianxeira aprobou no pleno celebrado este xoves instar á Xunta a incoar o procedemento de declaración da Aldea Maldita (ou Esquecida) de Abuín Ben de Interese Cultural (BIC).

A proposta chegou ó consistorio da man da formación Rianxo en Común que, por certo, fixo un copia e pega dun informe elaborado sobre ese entorno polo arqueólogo barbanzán Víctor Barbeito.

A lenda que rodea ás ruínas da antiga aldea (que quedou abandonada tras a epidemia da peste do século XVII) transcendeu historicamente grazas a Castelao, que a recolleu incorporándoa nun relato denominado Camiño esquecido, pertencente á súa obra Cousas, e tamén aparece recollida na súa obra As cruces de pedra na Galiza. As ruínas da aldea ocupan uns 200 metros cadrados. Están conformadas por varios inmobles, arredor de media ducia; algúns conservan gran parte dos paramentos erguidos e outros unicamente algún dos pinches. Entre os elementos conservados atópanse varias xambas, linteis, bufardas, lacenas, couceiros, etc.

As construcións conservadas están feitas en granito, nalgún dos casos cunha técnica mixta que emprega pezas de cantería para os esquinais da construción e nos bordes da lumieiras das xanelas, para no resto empregar unha mestura de cachotería e grandes bloques de granito.

A dimensión patrimonial do enclave presenta unha alta potencialidade, xa que non require dun esforzo inversor nin de mantemento; unicamente minorar o impacto das accións que se volven agresivas por falta de control administrativo (como as talas que recentemente danaron varias construcións) e contribuír a preservar o entorno envolto nos valores ambientais e paisaxísticos cos que contaba ata non fai moito tempo.

A VOLTA DA GUADALUPE. Por outra banda, o pleno aprobou tamén a proposta da alcaldía para pedirlle ós herdeiros do cirurxián Ángel Baltar que recoloquen a escultura de pedra da Virxe de Guadalupe (obra de Asorey) no pedestal do acantilado de Tanxil do que a retiraron en 2005 para restaurala. A peza fora regalada por Baltar ó pobo de Rianxo en 1934.

26 mar 2021 / 16:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
BIC
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.