Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ribeira inicia a expropiación de terreos para mellorar o río Pedrín e dotalo dunha senda

O Concello de Ribeira dá un novo paso na tramitación para a recuperación ambiental do río Pedrín e a súa posta en valor a través da aprobación inicial do expediente de apropiación dos terreos necesarios para acometer esta intervención. Trátase de franxas de cinco metros de ancho ao longo de dezaseis parcelas, coincidentes coa zona de servidume do río. Vén de abrirse o preceptivo período de información pública por un prazo de quince días.

A actuación que se pretende executar está enmarcada na EDUSI Máis Ribeira Atlántica, que está cofinanciada polo fondo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. Execútase na liña de actuación 14 da EDUSI denominada Posta en valor do patrimonio cultural, natural e turístico. O orzamento base para realizar o proxecto será de 109.798,28 euros, IVE incluído, cun prazo de execución de seis meses.

Aínda que de escasa entidade en termos de caudal, o arroio Pedrín é importante pola súa localización á beira do centro urbano de Ribeira. O seu percorrido comeza no Monte Castro e discorre cara o parque periurbano de San Roque, no que se sitúa un antigo lavadoiro que é, actualmente, un refuxio para varias especies de anfibios. Desde ese lugar o curso de auga descende ata o centro urbano de Ribeira, por onde vai xa canalizado e soterrado.

O Concello pretende recuperar a riqueza natural e cultural da conca alta do arroio a través dun proxecto que inclúe non só a recuperación propia do curso fluvial (limpeza do leito e da ribeira), senón tamén a proxección dun percorrido a través da servidume de tránsito do arroio.

O obxectivo principal desta actuación será a recuperación da riqueza ambiental da contorna e do propio leito do arroio Pedrín. Para iso vanse efectuar unha serie de actuacións: roza de vexetación accesoria, retirada de vexetación morta (incluídas, de ser caso, as árbores caídas), e eliminación de vexetación exótica e/ou invasora, na zona de dominio público hidráulico e de servidume do arroio Pedrín; detección de puntos de contaminación que poidan afectar o arroio e, de ser caso, medidas para a súa corrección; restauración da vexetación de ribeira autóctona en todo o tramo do río obxecto do proxecto; e análise do réxime hidráulico e hidrolóxico do río Pedrín e das zonas inundables.

Para contribuír á posta en valor do arroio, da súa riqueza natural e cultural, o proxecto inclúe os movementos de terra (desmontes e terrapléns), a súa nivelación e compactación e a colocación ao tresbolillo de tocos de madeira cada 9 metros para marcar o itinerario, na marxe esquerda do arroio Pedrín. Será un itinerario turístico fluvial que ten en conta a disposición topográfica do terreo en cada parte do curso do río coa fin de adaptar as características da senda aos seus atributos naturais.

O itinerario discorre ao longo do río cunha lonxitude de 685 metros. Complétase a senda, cun acceso cara o núcleo de Frións (acceso sur) a través dunha parcela de titularidade municipal, localizada na paraxe de Granxa, cuxo ramal terá unha lonxitude de aproximadamente 200 metros e con outro ramal (acceso norte), duns 135 metros, que conecte coa parte baixa do parque periurbano de San Roque.

14 may 2021 / 19:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.