Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ribeira ofrece dez propostas culturais co programa Abril dos Libros

As concellerías de Cultura e Educación de Ribeira uniron as súas forzas para confeccionar unha programación para o mes de abril no que haberá varias efemérides salientables relacionadas coa promoción da lectura, a literatura e os libros.

As concelleiras María Sampedro (Cultura) e Juana Brión (Educación) presentaron este venres un calendario de eventos que, denominado Abril dos Libros, estará dirixido maioritariamente a público infantil e familiar, pero tamén algunha que outra proposta para público adulto. Todas as funcións serán con aforo reducido, con agrupación por convivintes mantendo a distancia de seguridade, así como o resto do dispositivo de prevención implementado nas instalación culturais.

Deste xeito, contarase cun total de dez propostas culturais, dúas delas para adultos e oito para público infantil e familiar, segundo explicou María Sampedro. Os espectáculos para público familiar terán lugar todos os sábados do mes de abril, polas mañás ás doce no centro cultural Lustres Rivas e polas tardes ás sete en distintas parroquias do municipio para así descentralizar a programación e tratar de chegar a todos os veciños e veciñas.

Así, os sábados ás doce Atenea García presentará o espectáculo Utopías, Raquel Queizás, Segredo do tendal, e Talía Teatro, Rosa Caramelo, mentres que Protexendo do camiño chegará da man de Polo correo do vento. E polas tardes as accións serán o sábado 3 na parroquia de Carreira coa obra Aldara na montaña, de Soraya Lema; o sábado 10 no centro social de Oleiros co espectáculo Debulendo lendas de Títeres Tarabelos; o sábado 17 na Casa do Mar de Corrubedo ca compañía Pérez & Fernández; e o sábado 24 na aula de música de Aguiño co artista Magín Blanco e a obra O que levamos nas maletas.

En canto aos actos para público adulto, en Ribeira o venres 23 presentarase a nova produción de Excéntricas titulada Estrela do día, un espectáculo escrito polo actor local Quico Cadaval e baseado nos milagres das Cantigas de Santa María de Alfonso X O Sabio, un dos primeiros manuscritos galaico-portugueses do que temos constancia. A obra combina música, humor e algo de drama e chega á cidade grazas á colaboración e patrocinio da Deputación da Coruña.

Pechará o mes de abril un evento moi agardado, como é a presentación literaria da novela Celada, de Antonio Piñeiro, que foi a obra gañadora da sétima edición do concurso de novela curta Cidade Centenaria de Ribeira.

Hai que destacar que, dado o aforo limitado, todos os espectáculos e eventos, tanto os de adultos como de público familiar, requirirán de inscrición previa. Para iso, na semana de cada espectáculo os interesados deberán enviar un correo electrónico a culturaefestexos@ribeira.gal indicando o número de asistentes, relación de convivintes, nome e apelidos e teléfono de contacto, e posteriormente a concellería de Cultura confirmará a dispoñibilidade. Ademais, en cumprimento do protocolo de prevención do COVID, os datos gardaranse durante un mes estritamente co fin de control da asistencia sendo destruídos unha vez finalizado ese tempo sen detectarse ningunha incidencia.

Ademais, e tal e como avanzou Juana Brión, para esta Semana Santa estase a organizar un Láser Tag, que é un xogo de cooperación e competición entre dous equipos parecido ao Paintball, pero con láser en vez de bolas. A edil recalcou que é unha actividade totalmente inofensiva e seguindo os protocolos COVID que se desenvolverá nas distintas parroquias.

Nos próximos días darase máis información ao respecto cos calendarios e o lugar de cada unha delas e a forma de inscribirse.

26 mar 2021 / 18:46
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.