Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Segundo conclúen nun informe os arqueólogos Manuel Lestón e José Suárez, o misterioso busto que hai anos se atopou en Outes presenta trazas que o relacionan coa estatuaria de fins da cultura castrexa // Propoñen garantir a súa conservación polo seu posible papel na evolución da arte desa época TEXTO S. S.

Sabardes: unha escultura en tránsito

Os arqueólogos Manuel Lestón Gómez e José Suárez Otero veñen de presentar o informe que elaboraron a instancias do Concello de Outes sobre un busto esculpido en granito que ata hai unhas semanas estaba colocado sobre un banco, diante da casa do veciño que o atopara hai uns anos, no lugar de O Piñeiro, na parroquia de San Xoán do Freixo. Unha peza coñecida como Cabeza de Sabardes que, tras a publicación dunha reportaxe neste xornal, desapareceu de dito emprazamento, se ben o alcalde, Manuel González, afirma que xa está “localizada”.

Aínda que moitos expertos sospeitan que a peza pode ser da época castrexa, o feito de que se descoñezan os datos da súa procedencia e as circunstancias e data do seu achado, así como da súa chegada á localización actual, complican o seu estudo.

Na investigación, ambos arqueólogos advirten das carencias de información que limitan moito as posibilidades de identificar a peza e adscribila a un determinado período histórico ou realidade cultural, e ó tempo valorar o seu significado e importancia no ámbito do patrimonio artístico e cultural galego.

Con todo, conclúen que a peza “presenta trazas que a poñen en relación coa estatuaria que xorde no ámbito de fins da cultura castrexa. Ó non ter unha procedencia coñecida e, polo tanto, perder completamente a súa contextualización arqueolóxica, eses criterios exclusivamente formais e estilísticos non poden garantir de maneira definitiva esa identificación, pero ó basearse en trazos moi específicos, caso do traballo das orellas, da execución de ollos e nariz, e moi especialmente o destaque de boca e o queixo, cun sentido case xestual”, danlle unha alta probabilidade a esa proposta.

De ser acertada esa identificación da peza como unha expresión da escultura en Galicia no tránsito entre o mundo galaico ao galaico-romano, o busto de Sabardes adquire unha gran importancia. “Non só polo feito en si da súa antigüidade, senón pola súa condición de busto situano nun grupo de pezas aínda moi escaso dentro da estatuaria castrexa, pero que, non obstante, polas súas dimensións tanto ideolóxicas coma artísticas, podería ter xogado un importante papel no conxunto desas manifestacións escultóricas”.

PRETENSIÓNS NATURALISTAS. Doutra banda, se a súa procedencia se confirmase na contorna, mesmo nun senso amplo, do lugar onde se conserva, estaríamos diante dunhas das poucas esculturas castrexas no noroeste de Galicia, “que agás a posibilidade de incluír os bustos de Logrosa, aparece a estas alturas como unha xeografía valeira destas expresións artísticas”, din.

Manuel Lestón e José Suárez definen a escultura como “unha representación de aspecto simple, pero de pretensións naturalistas, da parte superior do corpo dun personaxe masculino. Está apenas esbozada e só se diferenza pola súa configuración xeral, sen distinguir as súas partes: brazos, tórax... Tan só as ombreiras e o pescozo, especialmente longo, a pesar de que está fracturado. A testa é tamén de conformación sinxela, aínda que nela si se diferencian algúns dos seus compoñentes”.

peza similar na estrada. Outra peza cuestionada, pero que si presenta algunhas coincidencias coa de Sabardes, é a cabeza do castro de Remesar, atopada na parroquia de Remesar (A Estrada). Lamentablemente está mal conservada, pero ten a parte do torso como un bloque que apenas esboza a feitura natural do mesmo e un pescozo moi longo como no caso da Cabeza de Sabardes. “Pola súa banda, o rostro está case perdido, pero semella presentar tamén unha solución parecida para os ollos e o nariz, mentres que a boca é apenas un vulto, e tamén quedan restos da representación das orellas.

Aínda que se relaciona cun xacemento castrexo, a realidade é que apareceu algo afastada do mesmo e, polo tanto, non é unha relación de todo segura”, din.

o protagonista
“unha obra de arte galega”
Manuel Lestón Gómez
Arqueólogo

No seu informe, o arqueólogo Manuel Lestón sinala que “consideramos necesario garantir a salvagarda desta peza do noso patrimonio arqueolóxico”. Engade que, fronte ás posibles dúbidas, “sempre lexítimas”, de que a identificación que propoñen el e José Suárez sexa acertada, e que puidera tratarse “simplemente dunha expresión moito máis tardía” no concepto da arte popular, “imponse a necesidade de rescatar e conservar unha peza que, en calquera caso, non deixa de ser unha obra de arte galega”. Pero, sobre todo, pola posibilidade, por dubidosa que sexa, “de que puidera ter un papel relevante na orixe e evolución desa arte”. Na súa opinión sería importante, en definitiva, que a peza pase a unha institución pública “que garante a súa conservación, e si a futura investigación así o determina, a súa exposición e o seu coñecemento público”.

Á espera de convencer ós donos da escultura para que a depositen nun museo e se poida estudar, fontes consultadas por este xornal apuntan a que non están polo labor de facilitar a investigación. Neste intre son dúas as actuacións que urxe realizar: un estudo petrolóxico para coñecer a composición da pedra (posibilidade que o arqueólogo Manuel Lestón só comentou “de forma verbal” e que considera “algo a seguir falando, e sempre coa autorización dos actuais propietarios”) e outro do terreo do serradoiro no que supostamente foi atopada.

{ a letra pequena }
Non é súa; é de Galicia
Suso Souto

ADEMAIS de apuntar a posibilidade de que a Cabeza de Sabardes date de finais da época castrexa, os arqueólogos que a estudaron (Manuel Lestón e José Suárez) poñen sobre a mesa co seu estudo unha segunda conclusión: a conveniencia de garantir a súa conservación. Esa é a clave. A regra de ouro que debe aplicarse ante calquer achado arqueolóxico de interese, á espera do seu estudo rigoroso. Tampouco dudan en calificala como unha obra de arte galega, con independencia de que poida ser castrexa ou de transición á época galaico-romana. A escultura estivo encima dun banco, a carón dun camiño, e desapareceu cando se deu a coñecer a súa existencia neste xornal. Agora está “localizada”, pero quen a ten sabe que non é súa.

18 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.