Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Saen á luz dúas vivendas máis no Castro da Cidá

RIBEIRA. Catro meses despois do remate da terceira fase de escavación no Castro da Cidá de Ribeira, o icónico xacemento arqueolóxico está a ser obxecto dunha nova intervención (a cuarta dende 2015) que vai contribuír a que o recinto recobre o seu primixenio aspecto.

Esta nova actuación persegue a recuperación da súa estrutura interior e a realización de escavacións puntuais en certos sectores para determinar as zonas de paso orixinais da muralla perimetral máis próxima ao poboado, a cal foi restaurada o outono pasado.Os novos traballos, que arrancaron esta semana baixo a dirección do arqueólogo e restaurador Miguel Ángel López, xa están a dar os seus primeiros froitos. De feito, constatouse que a entrada que se viña utilizando ata agora para acceder ao interior do recinto non existía e restituíuse ao seu estado orixinal como tramo de muralla, o que permitiu que saísen á luz restos doutras dúas vivendas que permanecían soterrados.

Deste xeito, para acceder ao castro haberá que utilizar a entrada que está orientada cara o parque natural, o que vai propiciar que aqueles que ascendan ata o cumio polo camiño que sube dende o miradoiro de Pedra da Ra realicen no final do mesmo un circuíto en torno á muralla.

A restauración que se está a acometer, segundo sinala Miguel Ángel López, é de tipo preventivo, especialmente nas súas cabeceiras. Para isto estanse a utilizar morteiros hidrófugos que repelen a humidade e están tratados con tintes inorgánicos. Ademais, nos traballos de recuperación da estrutura interior estanse a facer unha ou varios fiados de protección para preservar o orixinal.

De forma parella coa intervención está previsto crear tamén na contorna un itinerario de miradoiros para que os interesados poidan contemplar o Castro da Cidá coas súas murallas dende distintos ángulos e perspectivas, ao tempo que se recreen nas vistas a lugares tan fermosos como a ría de Arousa ou o parque dunar. A actuación, á que se achegou este venres o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, conta cun investimento de 41.800 euros e ten un prazo de execución de dous meses. S. S.

09 abr 2021 / 17:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.