Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Sete ofertas para executar a primeira fase da variante

Darán comezo á infraestrutura coa vía de conexión da aldea de Fafián de Ribeira // Suporá un investimento de 860.000 euros

A Xunta recibe 7 ofertas para executar as obras da nova vía de conexión coa aldea de Fafián, que suporán un investimento de máis de 860.000 euros e constitúen o primeiro paso para facer realidade a Variante de Ribeira.

Na primavera de 2024 os veciños disporán dun pequeno treito de 220 metros que forma parte da Variante de Ribeira, unha infraestrutura clave que dotará ao núcleo urbano dunha vía que de oeste a sur conecte a autovía do Barbanza e a AC-550 coa estrada da costa.

No que se refire ás características técnicas da nova vía, trátase dunha conexión entre a estrada provincial DP-7305, que conecta Ribeira con Aguiño a través de Carreira, e a aldea de Fafián.

A nova vía terá 220 metros de lonxitude, comezando na conexión coa estrada da Deputación mediante a execución dunha glorieta de 34 metros de diámetro e finalizando en Fafián, cunha intersección en “T”.

Esta vía de novo trazado disporá de 2 carrís de 3,5 metros de ancho e beirarrúas de 2,10 metros. As beirarrúas na marxe da estrada garantirán un itinerario peonil continuo e seguro para o tránsito dos veciños e veciñas.

Como intervencións complementarias, procederase á reposición do firme dos viarios urbanos afectados; e á reposición dos camiños de servizo, executando dous pequenos treitos para garantir o acceso ás leiras.

Ese pequeno tramo de 220 m de nova vía permitirá captar un tráfico estimado de case 4.300 vehículos, o 3,4 por cento de vehículos pesados.

Esta actuación correspóndese coa parte inicial do terceiro treito da Variante de Ribeira, cuxo proxecto de trazado completo se aprobou en agosto. Supón, desde xeito, o primeiro paso para facer realidade a Variante de Ribeira, que suporá un investimento autonómico conxunto de 10,3 millóns de euros.

Os Orzamentos da Xunta de Galicia de 2023 reservan 1,5 M€ para avanzar nas expropiacións e no proxecto construtivo e licitación das obras da 1ª fase, entre a AC-550 e a avenida da Constitución, e con partidas plurianuais ata 2025 que acadan os 6,5 millóns de euros.

O pasado mes de novembro a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou a comarca do Barbanza para presentar xunta ao alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, o proxecto da nova vía que conectará o centro urbano de Ribeira coa aldea de Fafián. Alí asegurou que o novo vial “é clave dende o punto de vista da funcionalidade da rede de estradas do municipio”.

A representante da Xunta destacou que esta actuación supón “a primeira pedra para avanzar no proxecto completo da variante, unha infraestrutura estratéxica de grande interese para o municipio”.

26 dic 2022 / 20:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.