Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Aprol Rural. Trinta e sete traballarán na comarca de Santiago, 16 en Barbanza e 13 na Costa da Morte // Centrarán as súas actuacións nas faixas secundarias // A iniciativa dará un impulso ao emprego nas zonas menos poboadas TEXTO J. M. Ramos

Setenta desempregados para a prevención de lumes en Área

A Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria de axudas deste ano do programa Aprol Rural, que pretende apoiar aos concellos galegos na contratación de persoas desempregadas para a realización de servizos de prevención de incendios, entre outros.

Na Área de Compostela serán contratados un total de setenta e un operarios, que realizarán tarefas relacionadas, maioritariamente, coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, segundo informou este xoves na Laracha, o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor. Na orde de axudas deuse prioridade aos concellos fusionados e os emprendedores. Os contratos terán unha duración de nove meses a tempo completo.

Na comarca de Santiago contrataranse corenta e tres desempregados en 24 concellos, para o cal a Xunta aportará 601.000 euros. Os municipios de Boqueixón, Dodro, Frades, Ordes, Tordoia e Val do Dubra contarán con tres operarios cada un, namentres que Ames, Melide, Oroso, Santa Comba, Teo, Trazo e Vedra disporán de dous traballadores e Arzúa, A Baña, Brión, Negreira, Padrón, O Pino, Rois e Touro contratarán a un desempregado cada un. A maiores, tamén disporán destes operarios os concellos de Toques, Santiso e Boimorto.

Pola súa banda, na comarca do Barbanza serán contratadas dezaséis persoas en once concellos. Neste caso a aportación da Administración autonómica será de 220.000 euros. Ribeira, Rianxo, Porto do Son, Noia e Boiro incoporarán a dous desempregados, e Boiro, Carnota, Lousame, Mazaricos, Muros, Outes e Pobra do Caramiñal, un cada un.

Na Costa da Morte serán dezasete as persoas contratadas en trece municipios, que se repartirán os 237.000 euros que lles corresponden do programa Aprol Rural. Malpica de Bergantiños e A Laracha, con tres contratacións cada un, son os que disporán de máis persoal adicado a estas tarefas. O resto dos municipios: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cee, Cerceda, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Muxía, Vimianzo e Zas tan só contratarán a un operario cada un.

Polo que respecta a totalidade de Galicia, a Xunta apoiará a contratación de 505 persoas sen emprego en 284 concellos a través dun investimento de sete millóns de euros.

Gonzalo Trenor sinalou que estas contratacións únense aos apoios xa aprobados pola Xunta destinadas aos concellos para a habilitación dos servizos de socorristas, que son de competencia municipal. No caso da Costa da Morte, a Consellería de Emprego e Igualdade financiará a contratación de 29 socorristas en 8 concellos cun investimento de 92.000 euros. En Barbanza serán 55, que prestarán servizo en 9 concellos (175.000 €), e na comarca de Santiago, nove municipios disporán de 12 socorristas. Neste caso a aportación é de máis de 41.000 €.

O delegado da Xunta lembrou tamén que, coa fin de fomentar o emprego, investiranse más de 30,2 millóns de euros en Galicia nos obradoiros que permitirán a formación e o acceso a un posto de traballo a 1.500 persoas. A elas hai que engadir os 3.300 beneficiarios dos Programas Integrados de Emprego.

o protagonista
“Mellóranse as oportunidades laborais”
Gonzalo Trenor
Delegado da Xunta na provincia da Coruña

O delegado da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, asegurou que un dos obxectivos desta iniciativa é incrementar e “mellorar as oportunidades laborais do rural de Galicia, mediante a contratación de persoas desempregadas, e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas da comunidade autónoma”.

Enmárcase, ademais, na prioridade da Xunta de crear “máis e mellor emprego de calidade na Comunidade e completar outras iniciativas que xa se activaron e que favorecen a contratación nos concellos”.

Trenor supervisou o labor que están a desenvolver os operarios contratados polo Concello da Laracha, que estes días están a traballar en Estramil, na parroquia de Torás. Acompañárono o alcalde, José Manuel López, a xefa territorial de Emprego, Judit Fontenla, e o concelleiro José Ramón Martínez.

{ pASABA POR AQUÍ }
A dobre finalidade
Manuel Lavandeira

O VERÁN demanda o reforzo de profesionais en diversos ámbitos, como é o caso dos socorristas nas praias e piscinas, ou o persoal de prevención e loita contra os incendios, e por iso é necesaria unha boa programación para que estes servizos tan necesarios estean a punto cando se precisan. Sen as axudas da Xunta e das deputacións, os concellos non poderían facer fronte a estas necesidades. É por iso que o apoio financieiro das administracións é como a chamada auga de maio, e permite acadar un dobre obxectivo: prestar servizos imprescindibles e, ao mesmo tempo, fomentar o emprego facilitando a incorporación ao mercado laboral de persoas que o teñen máis complicado. Benvidas sexan pois todas as axudas.

01 jul 2021 / 17:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.