Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Sorprenden a dous furtivos en Corrubedo con percebes de talla ilegal

Carecían de permiso de explotación, un deles é reincidente e a Policía requisoulles 21 quilos

Ribeira. Axentes da Policía Autonómica de Santiago de Compostela comisaron un total de vinte e un quilos de percebes nun dispositivo nas inmediacións do faro de Corrubedo, no concello de Ribeira.

Os axentes detectaron a presenza de dúas persoas extraendo percebe en dita zona e, unha vez identificadas, comprobaron que unha delas xa era reincidente por ter cometido máis infraccións en materia de furtivismo.

A Policía Autonómica comprobou que ambos carecían do permiso de explotación para o marisqueo e que o percebe que extraeran non acadaba o talle mínimo esixido de 1,5 centímetros desde a base á unlla. Por iso, os axentes levantaron dúas actas de infracción. A mercadoría comisada, ao non sobrevivir unha vez extraída, foi entregada a un centro benéfico da localidade ribeirense.

Estas prácticas ilegais supoñen un prexuízo para os profesionais do mar, neste caso para os da confraría de pescadores de Carreira e Aguiño, que traballan nesa zona do litoral do municipio coruñés de Ribeira. Ademais, dende a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes lémbrase que o consumo de produtos do mar extraídos e comercializados de xeito irregular pode supor un risco para a saúde, ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale.

Nesta liña, a Xunta de Galicia fai asimesmo un chamamento a toda a cidadanía e solicita aos consumidores que non merquen produtos fóra das canles legais de comercialización. suso souto

20 jul 2022 / 14:20
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.