Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 21 junio 2021
15:18
h

Testal faralle un oco a 260 embarcacións de marisqueo

Portos vén de iniciar as obras de mellora dos pantaláns, finguers e pasarelas do peirao noiés // Facilitará o traballo ós profesionais

Cun investimento que ascende a 350.000 euros e un prazo de execución de cinco meses, as obras de reforma e mellora dos pantaláns, finguers e pasarelas do porto de Testal, no concello de Noia, darán resposta ás necesidades do sector profesional da zona.

Ata o citado peirao noiés se desprazou onte a conselleira do Mar, Rosa Quintana, parasupervisar o comezo das obras que executa Portos de Galicia. Durante a visita estivo acompañada pola presidenta do ente público, Susana Lenguas.

A representante do Executivo galego subliñou que os traballos que se están a realizar nas instalacións “responden ás necesidades do sector profesional, que foron trasladadas tanto pola confraría de pescadores local como polo Concello”. Segundo sinalou, os labores beneficiarán a máis de 260 embarcacións pesqueiras que empregan estas infraestruturas ao mellorar as condicións de atraque, co que facilitan tamén o desenvolvemento da actividade diaria dos profesionais do mar desta localidade.

Os traballos que se están a realizar pasan pola renovación integral do pavimento dos pantaláns, substituíndo o actual por madeira tecnolóxica, así como a habilitación dos servizos básicos de alumeado e subministración de auga ou o repintado dos pilotes. Ademais, melloraranse as condicións de seguridade das instalacións ao habilitar un sistema de control de acceso aos embarcadoiros que funciona co teléfono móbil. Finalmente, balizarase tamén a punta de liña do pantalán.

A conselleira explicou que con esta actuación “a Xunta avanza na súa programación de melloras nos distintos portos da comunidade, que teñen como obxectivo optimizar as condicións de traballo dos profesionais do mar”. Uns labores, aclarou, “que contribúen a reforzar o potencial das vilas mariñeiras e a ensalzar o seu atractivo tanto entre a poboación local como entre os seus visitantes”.

Estas intervencións, lembrou Quintana, engádense a outras xa realizadas en Noia como a mellora da lonxa do Testal, na que a Consellería do Mar investiu arredor de 560.000 euros. Nesa obra melloráronse aspectos como o pavimento da sala de poxas, as cubertas ou os canlóns do inmoble, a eficiencia enerxética do edificio e creouse unha zona para visitantes.

Por último, a titular de Mar salientou que os portos son importantes pola xeración de emprego e riqueza na súa contorna, polo que apostou por seguir mellorando as infraestruturas portuarias da comunidade para dinamizar a súa economía. “Trátase dun asunto de especial transcendencia en situacións de dificultades como a actual”, dixo.

06 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.