Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Cos CEIP Caión de Laracha, Os Muíños de Muxía e O Grupo de Ribeira son xa 109 os centros educativos galegos adheridos ó programa da Xunta // Cada un vai recibir dous mil euros para poñelas en marcha e para formación TEXTO Suso Souto

Tres colexios de Área crearán nas bibliotecas emisoras radiofónicas

A Xunta de Galicia vén de incorporar un total de trinta centros educativos de toda Galicia ao programa Radio na Biblio. Esta iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ten como obxectivo impulsar a creación de emisoras ou laboratorios radiofónicos no contexto da biblioteca escolar.

Coas novas incorporacións, en total participan nesta iniciativa este curso un total de 109 centros públicos de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato ou FP integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) de toda a comunidade.

Os novos centros seleccionados recibirán dous mil euros de fondos para a posta en marcha dun laboratorio de radio (incluíndo un obradoiro de formación). Para iso, contarán co apoio da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería, que orientará o seu desenvolvemento e porá á súa disposición diversos recursos e propostas.

Así mesmo, os centros que xa participaron en Radio na Biblio en cursos anteriores e renoven, recibirán unha asignación de cincocentos euros por centro para a realización de obradoiros de formación específica para o funcionamento da emisora ou ben de lectura expresiva ou de mellora da expresión oral.

No ámbito de Área de Compostela, os centros de nova incorporación son o CEIP de Caión da Laracha, o CEIP dos Muíños de Muxía e o CEIP Plurilingüe O Grupo de Ribeira.

Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares, que conta entre os seus desafíos o de favorecer a alfabetización múltiple do alumnado a través da creación nas bibliotecas de espazos que funcionen como centros creativos de aprendizaxe. Neles debe traballarse con diferentes recursos e materiais que permitan traballar a expresión escrita e oral ou linguaxes como a radiofónica.

“Desde eles poderán desenvolverse proxectos colaborativos conectados con diferentes áreas do currículo escolar, vinculados á educación para as competencias en información e medios”, segundo sinalan ao respecto dende o citado departamento autonómico.

Neste sentido, a posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento das competencias clave a través de metodoloxías activas, así como para a alfabetización informacional. De feito, a experiencia dos centros que xa están participando en Radio na Biblio demostrou que a radio constitúe unha ferramenta pedagóxica de grande alcance que permite, ademais, darlle a coñecer ao resto da comunidade educativa os proxectos e os traballos que se realizan no centro.

ACTIVIDADES A DISTANCIA. Ademais, a experiencia dun bo número de bibliotecas escolares vinculadas a este programa autonómico durante o período de cese de actividade presencial nos centros durante a primavera de 2020, por mor da pandemia da covid-19, puxo de manifesto as posibilidades desta ferramenta para desenvolver actividades educativas a distancia, con capacidade para vincular ao alumnado ao ámbito educativo e para conectar á comunidade escolar arredor dunha proposta temática.

areadecompostela@elcorreogallego.es

“Recibirán formación os mestres e os alumnos”
Nieves Lampón
Directora do CEIP Plurilingüe O Grupo de Ribeira

A directora do CEIP Plurilingüe O Grupo de Ribeira, Nieves Lampón, amosou a súa satisfacción ante a concesión da axuda que lles permitirá crear unha emisora de radio no centro, unha iniciativa que queren poñer en marcha “cunha doble intención”. “Penso que será unha ferramenta didáctica potentísima. Por un lado, queremos que sexa inclusiva e que todos os alumnos e alumnas sexan protagonistas; e, por otro, será unha plataforma de promoción do idioma galego, así como dos nosos programas de igualdade, inclusión, convivencia e emoción”, sinala. Nieves Lampón engade que os 418 escolares do centro e todos os mestres e mestras van participar nesta aventura de crear unha emisora radiofónica e de darlle vida. Será, ademais, un proxecto que chegue para quedarse.

O coordinador do proxecto será o profesor Manuel Sobral e, unha vez que adquiran o equipamento necesario, contactarán con persoal experto “para formar aos alumnos e tamén ós mestres sobre o seu funcionamento”, engade Lampón. Os contidos que se xeren traspasarán as paredes do colexio e chegarán por Internet a todo o mundo en forma de podcats e por retransmisións en streaming. “Agardamos que as primeiras emisións cheguen xa como agasallo de Nadal”, dixo.

{ a letra pequena }
Que tomen nota
Suso Souto

NON LLE INTERESA MOITO a algúns alcaldes manter emisoras municipais. E non tanto polo custe económico como polo que eles máis temen: o custe político. Si, iso pensan algúns. Alomenos os que se cren co dereito de manosealas. Non hai ningunha emisora municipal en Barbanza, e foi un excelente exemplo a de Boiro (pechada polo anterior goberno do PP), que non só se facía eco de todo o que acontecía na comarca, dándolle voz ós seus protagonistas, senón que por ela pasaban habitualmente os escolares. O programa da Xunta de Galicia para poñer en marcha emisoras nos colexios vén poñer en evidencia esa carencia municipal. Que vaian tomando nota algúns alcaldes de como os estudantes poñen en valor o xornalismo.

28 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.