Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
aldeas esquecidas. Rianxo, Boiro e Noia atesouran as impoñentes ruínas de casas abandonadas, convertidas agora en roteiros de interese turístico // Piden catalogalas para protexelas TEXTO Suso Souto

Tres viaxes no tempo a Xei, Abuín e Galea Vella

En 1598 chegou ás Rías Baixas un barco procedente do País Vasco. A bordo, un dos maiores inimigos que tivo a humanidade. Un arma mortal que moitos anos despois, no século XX, durante a Segunda Guerra Mundial, se emplearía mesmo como arma biolóxica (Xapón usouna contra China): a peste negra.

Este brote tivo gran impacto nas comarcas de Barbanza e Noia-Muros. En Noia, dous de cada tres veciños viron a morte na transición do século XVI ó XVII debido á peste.

Para os expertos, tras este dramático episodio atópase a causa do abandono das antigas aldeas de Abuín (Rianxo) e Galea Vella (Boiro), convertidas hoxe en reclamos turísticos polo encanto das súas ruínas, ao igual que a de Xei (Noia), se ben neste caso o seu abandono foi máis recente e o motivo non foi o mesmo.

Máis alá da aldea de Abuín, na parroquia rianxeira de Leiro, ó outro lado do núcleo de vivendas, ocúltase dende hai máis de catro séculos unha lenda negra. Só o silencio habita nas casas en ruínas da antiga aldea, condenada ó esquecemento, no lugar máis fondo do pobo. Protexidas por un bosque tan fermoso como misterioso, gardan o segredo da Aldea Maldita de Abuín.

“As ruínas están distribuídas a ambas marxes dunha corredoira flanqueada por carballos e loureiros. Son aproximadamente unda ducia de antigas construcións e ocupan uns dous mil metros cadrados”, sinala o arqueólogo Víctor Berbeito.

“A dimensión patrimonial do enclave presenta unha alta potencialidade, xa que non require dun esforzo inversor nin de mantemento; unicamente minorar o impacto das accións que se volven agresivas por falta de control administrativo (corta de madeira incontrolada, instalación de servizos...) e contribuír a preservar o entorno envolto nos valores ambientais e paisaxísticos que tiña ata non fai moito”, engade.

Lamentablemente, hai dous anos unha tala de eucaliptos causou graves danos nese enclave.

Pola súa banda, o alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños, dixo que “o valor de dito lugar debe entenderse como patrimonio inmaterial”. Neste sentido, o rexedor engadiu que o lugar está incluído no Roteiro Castelao, que invita a coñecer puntos relacionados ca vida e a obra do ilustre galeguista, e que vai ser debidamente sinalizado proximamente.

No tocante á aldea da Galea Vella, atópase en San Ramón de Bealo (Boiro), separada do núcleo actual polo río do Souto. A natureza apoderouse das súas pedras entre os séculos XVII e XVIII probablemente tras quedar vacía durante a peste negra.

No lugar de Agro de Xei, na parroquai noiesa de Barro, atópanse as ruínas doutra aldea abandonada: a antiga aldea muiñeira de Xei, ós pés do río Traba. Neste caso, o Concello vén de poñer en valor ese entorno cunha actuación na que se acondicionou unha senda peonil cun investimento de corenta mil euros, financiada pola Consellería de Medio Amiente. Trátase dun roteiro de algo máis de 1,3 quilómetros de lonxitude paralelo ó río, dende Ponte Traba, moi preto do centro urbano, ata o límite con Lousame.

En concreto, fíxose o desbroce manual e colocáronse 2 mesas temáticas en madeira de pino tratada e 24 fitos de sinalización.

O presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural de Galicia (Apatrigal), Carlos Henrique Fernández Coto, plantexa a necesidade de adoptar medidas para a protección destes tres lugares. Considera que “a nivel xenérico e de competencia municipal, pódense introducir nos planeamentos urbanísticos para darlles unha protección básica, e preservalas da destrución ou da desfiguración, pero para que realmente sexa relevante hai que explorar cos técnicos de Patrimonio cal sería a figura de protección patrimonial máis acaída para cada unha delas, porque, se ben hai unha compoñente común nas tres, a Aldea Esquecida ten un engadido interesante adicional relacionado ca figura de Castelao e cos petróglifos”.

“Sabemos que ningunha das tres aldeas reúne as condicións necesarias para poder ser considerada como BIC (Ben de Interese Cultural), pero si que é posible propoñer á Xunta a catalogación da rianxeira, conforme establece o artigo 10 da Lei de Patrimonio, ben como sitio histórico, paisaxe cultural ou territorio histórico”, explica ó respecto.

Na súa opinión, “así como Galea Vella é totalmente esquecida e case ninguén a ten localizada, e a de Xei comeza a ser visitada pola ruta a carón do río, como un recurso lúdico máis, as ameazas da de Abuín son as derivadas do uso descontrolado por máquinas para a explotación forestal. Hai que establecer estratexias individualizadas (urxentes) para non perdelas para sempre. En calquera das tres está prohibido construír, polo que as cautelas serán de respecto polo lugar, con especial vixilancia e reuníndose cos seus propietarios para buscar solucións consensuadas de protección e mellora, que no caso rianxeiro terán que pasar pola rexeneración ao estado anterior aos estragos das máquinas”.

Fernández Coto dixo ademais que “poderíase arbitrar incluso a creación dunha escola obradoiro conxunta para traballar nos tres asentamentos, previa planificación do que queremos ter e manter”.

Das pegadas do muíño do río Traba á lenda recollida por Castelao en ‘Cousas’

Rianxo. A aldea rianxeira de Abuín coñécese tamén como a Aldea Esquecida, denominación que transcendeu historicamente grazas ao ilustre escritor Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que recolleu a lenda do acontecido no lugar incorporándoo a un relato (Camiño esquecido) na súa obra Cousas.

Narra a historia que lle contara a súa avoa: “Cando volvín á casa escoitei de miña avoa a hestoria da aldea esquecida. Foi que os do lugar, armados ladróns, roubaron o mosteiro de Armenteira. Agardando o intre do reparto da riqueza, o capitán enterrouna en sitio segredo; mais ó seguinte día o capitán apareceu morto no seu leito e nunca máis se soubo do tesouro. Dende aquela todas foron desgracias. Morrían as xugadas, merábanse os froitos, morrían entangarañados os rapaces, secábanse as fontes. Para escorrenta-lo mal fado ergueron cruceiros a eito. De nada valeu nada. No remate sóubose todo e aínda hoxe o lugar está illado das xentes de ben”.

En canto á aldea noiesa de Xei, está formada por seis construcións aínda recoñecibles, se ben, presumiblemente, mentras estivo habitada estas deberon ser máis. Trátase das ruínas de tres casas de dúas alturas, o que deberon ser dous establos o palleiros e o protagonista indiscutible da aldea: un muíño de doble rodicio en relativo bo estado de conservación, cos restos da canle de entrada e saída da auga e unha arquitectura singular con desaugadoiros triangulares. Todas as edificacións están en estado ruinoso, quedando delas pouco menos que as fachadas, pero o seu entorno foi posto en valor recentemente cunha actuación na que se acondicionou unha senda peonil de máis dun quilómetro. s. s.

21 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.