Treus proporá que os Servizos Sociais renoven a súa normativa
Boiro. O Concello de Boiro propón para o seu debate e aprobación no pleno ordinario do mes de novembro, que terá lugar este xoves, unha modificación da ordenanza de Servizos Sociais. O obxectivo desta proposta é actualizar o texto e adaptalo ás necesidades actuais.
A ordenanza en vigor data do ano 2014, polo que o goberno local cre que é preciso actualizar algúns dos artigos e engadir unhas disposicións adicionais. “A modificación da ordenanza nace das eivas e novas necesidades que van xurdindo na prestación de servizos”, afirmou o edil de Servizos Sociais, Raúl Treus.
Novas prestacións a nivel autonómico coma o RISGA; ou nacional coma o IMV; deben ser consideradas na nova ordenanza, así coma o réxime de compatibilidades e incompatibilidades.
Segundo indicaron dende o citado departamento, outra das modificacións débese á actualización de termos e definicións das prestacións.
O concelleiro de Servizos Sociais sinalou que se trata dunha ordenanza fundamentalmente técnica, elaborada polas traballadoras sociais do departamento, pero que “é de suma importancia xa que rexerá o futuro das persoas e familias boirenses que máis o precisan”, concluíu. m. c.