Un convenio vai permitir acometer melloras na planta depuradora outense
Outes. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén de asinar telematicamente co alcalde de Outes, Manuel González, o convenio de colaboración para impulsar a mellora do sistema de saneamento, que suporá un investimento conxunto que supera os 325.000 euros, do que a Xunta achegará algo máis de 108.000 euros.
Con esta actuación tratarán de adaptar a depuradora municipal ás necesidades do municipio, xa que a densidade da súa poboación urbana ve superada en máis dun vinte por cento a súa capacidade de tratamento de augas residuais.
A intervención ten como obxectivo recuperar o estado orixinal de funcionamento da EDAR a través das obras necesarias para a mellora da calidade do efluente, reducir os custos de explotación e incrementar a eficiencia de funcionamento da instalación. m.t.