Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Veciños de Outes e Concello reclaman á Xunta o servizo de transporte compartido

Os habitantes do núcleo de San Ourente recolleron máis de 500 sinaturas pedindo o restablecemento do mesmo

Outes. O Concello de Outes vén de enviar unha solicitude á Consellería de Educación e á de Infraestruturas e Mobilidade para que se estableza o servizo compartido no transporte público que dá servizo ao alumnado do instituto da Serra de Outes.

O problema, segundo a administración local, afecta en particular á veciñanza da parroquia de San Ourente, “dado que a empresa concesionaria presta o servizo mediante un taxi, pois así consta nos termos da nova concesión, impedindo que outras persoas diferentes aos alumnos poidan beneficiarse”, explicaron. Unha situación que “está a ocasionar un importante malestar nas familias de diversos lugares da parroquia xa que se dificulta o acceso da xente maior ao centro da Serra de Outes, onde se atopan os servizos básicos”, engaden.

Ademais, polo mesmo motivo, “o alumnado que se despraza a estudar a Noia non ten maneira de achegarse á Serra de Outes e coller o enlace que os traslade aos institutos desa localidade”, afirmaron ao respecto dende o goberno municipal.

Xunto coa solicitude, dende o Concello de Outes remitíronse máis de cincocentas sinaturas recollidas pola veciñanza da zona, “o que dá conta do malestar e preocupación pola merma neste servizo”.

O alcalde, Manuel González, indicou que xa se puxera “en contacto cos responsables deste servizo para trasladarlle o malestar existente, pero non houbo movemento ningún por parte da Xunta polo momento”. González sinalou que é un “sinsentido” que, “no canto de mellorar o servizos de transporte no rural, o que se faga é recortar os existentes”.

Asegura que “o transporte de educación primaria debería ser compartido, independentemente de que o anterior executivo non o tivera solicitado, desa maneira veriamos resoltos moitos dos problemas de mobilidade no interior do noso concello”. m. c.

15 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.