Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Verdegaia propón ampliar o ámbito do Parque Natural de Corrubedo

O colectivo ecoloxista Verdegaia presentou alegacións ao Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) do Parque Natural de Corrubedo (Ribeira). O pasado 29 de marzo publicábase no DOG un anuncio da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, sometendo a información pública o citado documento. O parque, que foi declarado como tal en 1992, leva dende entón sen o preceptivo PRUX, que tería que terse tramitado no prazo máximo de dous anos.

“É, pois, unha boa nova esta publicación, aínda que chegue con tantísima demora, pois é unha necesidade dotar ao parque desta ferramenta de xestión. O documento contén abundante normativa (moita da cal xa estaba en vigor a través do seu Plan de Ordenación dos Recursos Naturais) destinada a protexer os hábitats e especies deste espazo natural tan relevante”, sinala o colectivo.

Aínda concordando en xeral co espírito do contido no documento, desde Verdegaia presentan alegacións ao mesmo, pois hai algúns puntos que lle parecen mellorables.

“Os obxectivos de conservación, por exemplo, parécennos moi pouco ambiciosos, ao contemplar unha redución de especies invasoras dun 75 % na zona de uso limitado e dun 25 % no parque en xeral. Falando dun prazo de 10 anos, pensamos que cómpre ampliar eses obxectivos a un 90 % e un 70 %, respectivamente. Cremos, ademais, que no caso de especies como acacias ou eucaliptos, é necesario prohibir a súa plantación, non abonda con propoñerse evitala”, explican.

No que se refire aos usos industriais, Verdegaia non entende que se siga a permitir a presenza das instalacións dunha canteira dentro dun parque natural. O propio documento alerta do “impacto paisaxístico crítico, incompatible cos obxectivos de protección do parque, deste tipo de instalacións”. Por iso, a entidade solicita que se poña un prazo para o seu peche e a retirada das súas instalacións da superficie do parque.

En canto aos usos agrogandeiros, considera que cómpre establecer criterios claros para o uso de biocidas, e que as labores de carácter tradicional que empreguen técnicas sustentables non só deben estar permitidas, tal como o documento recolle, senón que deben ser activamente promovidas mediante campañas de divulgación, actividades de formación e mesmo incentivos fiscais.

Nas alegacións propón ademais a ampliación do ámbito do parque natural, a restrición do tránsito de cabalerías e a regulación do aparcadoiro. Para garantir a debida protección do entorno e o cumprimento de todas as normas recollidas no documento, Verdegaia considera que sería necesario contar con máis medios materiais e humanos, moi especialmente durante o verán, época de máxima afluencia de visitantes. “Non é posible levar a cabo todas as accións previstas cuns medios tan axustados. Sen a debida dotación de recursos humanos e materiais, o documento, que nos parece bastante axeitado, queda reducido a papel mollado”, conclúe.

14 abr 2021 / 14:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.