Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Expóñense na casa da cultura setenta imaxes que o fotógrafo Javier Teniente fixo durante anos en comunidades dos 5 continentes que viven da pesca tradicional // Colaborou con Médicos do Mundo e cubriu varias catástrofes naturais TEXTO S. Souto

Volta ó mundo dende Boiro con escalas nos pobos pesqueiros

A casa da cultura de Boiro acolle ata o vindeiro día 4 a exposición titulada Fillos do océano, organizada por Afundación, Abanca e o Concello e que amosa unha síntese das mellores imaxes que o fotógrafo Javier Teniente tomou, durante varios anos, nunha viaxe por comunidades pesqueiras tradicionais de todo o mundo.

Trátase dun percorrido fotográfico único polas poboacións costeiras dos cinco continentes, composto por máis de setenta imaxes e que pode visitarse de luns a venres de 09.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas, e os sábados de 10.30 a 13.30.

É unha exposición de fotografía documental que presenta a forma de vida de poboacións que aínda subsisten grazas á pesca artesanal en países como a India, Senegal, Vietnam, Sri Lanka, Madagascar ou mesmo Galicia.

Javier Teniente investiu varios anos fotografando a forma de vida destas comunidades que dependen exclusivamente do mar e que están a sufrir o esgotamento dos recursos mariños por sobreexplotación ou por causa da contaminación.

A mostra constitúe unha homenaxe a todos eses pescadores que viven do mar e para o mar e obteñen del todo o necesario para a súa supervivencia. Tamén é unha chamada de atención e de concienciación social a favor da preservación dos ecosistemas mariños, para que se regulen tanto as pesqueiras coma a contaminación marítima.

“Só así, preservando o medio, conservaranse as culturas ligadas á pesca artesanal. Un modo de vida co que, certamente, non se obteñen tantos beneficios a curto prazo como coa pesca industrial, pero que é máis sostible social e ambientalmente”, sinala o fotógrafo. Segundo datos da FAO, a mediados do século XX pescábanse 18 millóns de toneladas de peixe por ano. Hoxe, esa cifra aumentou ata os 100 millóns.

As pesqueiras mundiais estanse a enfrontar a unha crise sen precedentes, xa que a pesca moderna está dominada por buques pesqueiros industrializados que semellan estar por riba da capacidade dos océanos para restituír a cantidade de peixe capturada. No outro lado atópanse as comunidades de pescadores artesanais, cunha forza total de traballo que alcanza os 100 millóns de persoas en todo o mundo, das cales, 23 millóns sobreviven con menos dun dólar americano ó día.

Na actualidade, Javier Teniente (Vigo, 1968) traballa como fotógrafo independente, representado pola axencia Getty Images. As súas fotografías foron publicadas nalgunhas das revistas e xornais máis importantes de España, como El País Semanal, Geo, Interviú, Magazine de La Vanguardia, El Mundo ou Tiempo. Entre os anos 1998 e 2005 colaborou como fotógrafo coa ONG Médicos do Mundo e cubriu conflitos bélicos e catástrofes naturais en diferentes lugares do mundo, entre os que cómpre destacar os traballos realizados en Centroamérica (furacán Mitch 1998), Kosovo (1999), Timor (1999), Iraq (2003), Haití (2004) ou o tsunami en Banda Aceh, Indonesia (xaneiro de 2005).

Por outra banda, gañou en dúas ocasións o prestixioso Premio Internacional Luis Valtueña de Fotografía Humanitaria (2003 e 2005), ademais de recibir o Premio Galicia de Comunicación (2004) e unha mención especial nos Premios Ortega e Gasset de Xornalismo (2006).

A exposición foi inaugurada nun acto ó que asistiron a concelleira de Turismo de Boiro, Marisa Collazo; o coordinador de Negocio Institucional na Coruña de Abanca, José Manuel Vilariño; a responsable da zona de Santiago de Compostela de Afundación, Ana Salgado; e a responsable da entidade local, Mercedes Blanco.

areadecompostela@elcorreogallego.es

16 sep 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.