Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 26 noviembre 2021
13:52
h
Exposicións, concertos ou contacontos enchen a programación dos concellos // Boqueixón entregará os galardóns do certame Xosé Neira Vilas, e Brión os do Premio Laudamuco // A Pobra fará unha ruada de música tradicional TEXTO A. Pérez

Xela Arias demostra este ano a beleza do galego na literatura

Xela Arias (1962-2003) foi unha recoñecida escritora, poeta, tradutora, editora e profesora de galego. Unha muller polifacética á que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas, unha das datas máis relevantes para a nosa comunidade e que como tal, nin unha pandemia logrará ensombrecer. Con ánimo de achegar á veciñanza a figura da autora, os concellos da área compostelá xa teñen deseñada a programación deste día 17.

O Concello de Teo está a colocar 180 vinilos con fragmentos da obra ou frases da autora e un código QR para poder consultar máis información. En Ames xa se pode gozar da mostra Xela Arias, desde nós en ti nos escaparates de Bertamiráns e do Milladoiro, e a casa da cultura da capital amesá acolle a exposición Abecedáriome. Mentres, no multiusos de Santa Comba haberá un espectáculo de narración oral e músical o 15 ás 19.00 horas. E Negreira impulsa a actuación de Soraya Lema, con música en directo de Adela Dios o día 18, ás 18.00 horas no multifuncional. Pero antes, o 15, actúa Ateneo na praza do Concello (19.00 horas), marco onde este domingo haberá pandeireteiras dende mediodía. E Brión entregará, este domingo na carballeira ás 12.00 h., o III Premio Laudamuco para textos teatrais, que gañou Vidal Blanco.

En Melide o estudantado está a desfrutar xa de contacontos e monólogos. O venres, a radio municipal emitirá un programa especial sobre a vida e obra de Xela Arias, e o luns 17 celebrarase un contacontos e obradoiro de debuxo ilustrado. Incluso haberá clases de Rap Improvisado en Galego no centro sociocultural Mingos de Pita os días 22 e 23. Arzúa opta pola actuación de Aldaolado (Epístola ás neofalantes) o 17 de maio na Praza de Galiza.

Boqueixón, pola súa banda, aproveitará a proximidade da efeméride para facer a entrega dos premios do Certame de relato curto Xosé Neira Vilas. O primeiro galardón na categoría de 3º e 4º de Primaria foi para Nerea Rendo; na de 5º e 6º para Simón Rouco e na categoría de Educación Secundaria alzouse vencedora Candela Suárez. Recibirán os premios o 16 na casa da cultura de Camporrapado.

En Boiro o Concello organizou para o domingo 16 e o luns 17 visitas ao Pazo de Goiáns para dar a coñecer o estado de rehabilitación do histórico edificio, que o luns a partir das 17.00 horas acollerá a Romaría das Letras, con actuacións de baile galego, presentacións literarias e un concerto de música tradicional. Na Pobra o luns 17 terá lugar unha ruada con grupos de música tradicional a partir do mediodía en diferentes espazos da vila; e en Ribeira a biblioteca municipal alberga unha mostra bibliográfica sobre a homenaxeada.

En Porto do Son, os veciños celebrarán o 17 de maio con Malasombra Producións e a súa odisea cómica Go on! En Muros conmemorarán o Día con dúas obras teatrais, mentres que en Carnota Enrique Mauricio e Carlos Taboada, integrantes do colectivo Polo Correo do Vento, farán desfrutar mañá ao público infantil cun contacontos con música.

En Cee, ata o día 28 a Biblioteca Municipal Francisco Mayán acolle a mostra sobre a figura, vida e obrade Xela Arias. Na Laracha, mañá venres, Caxoto presentará Xeliña fala galego ás 17.00 horas no ximnasio do CEIP de Caión, e o domingo 16, Trémota Teatro levará á biblioteca larachesa contos para bebés baixo o título Brilla brilla. Pola súa banda, Malpica comezará mañá as actividades das Letras co espectáculo O exército das paxariñas. Lalín, pola súa parte, prepara unha exposición e concertos na fin de semana.

13 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.