Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
Alberto Sueiro, director e presidente da Asociación Telón e Aparte

“A función de impulso e apoio aos profesionais e a nova creación é o obxetivo central do FIOT”

Alberto (Carballo, 1962) é o presidente de Telón e Aparte dende a súa fundación no ano 1993. Xunto co departamento de Cultura do Concello carballés organizan cada ano o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) no que se presentan múltiples funcións teatrais en espazos diferentes, xunto con actividades complementarias, reunindo así a miles de espectadores de Galicia e de outras comunidades.

Cando se creou esta asociación e como foron os seus comezos?

A Asociación Cultural Telón e Aparte fundouse en 1993 a raíz da celebración en Carballo en 1991, da primeira Semana de Teatro baixo a denominación “Primavera de Teatro “, que nas primeiras edicións estaba organizada polo grupo de teatro Artabro da A.C. Lumieira de Carballo, coa intención de centrarse na organización de eventos culturais relacionados coas artes escénicas específicamente. A partir de aí, a mostra xa tomou a denominación de “festival de teatro” e dende o ano 1995 o nomeamento actual de Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT).

Quen integra a Asociación?

A Asociación conta con 110 socios. Trátase dun número limitado porque o feito de ser socio inclúe unha serie de vantaxes para o acceso ás actividades da mesma e dado ao límite do aforo do que dispoñemos, non podemos , polo momento, ter novas incorporacións a pesar de que tódolos anos recibimos solicitudes de persoas.

Cada ano organizades o FIOT. Como resumirías o que supón celebrar un festival destas dimensións en Carballo?

O FIOT neste momento supón un gran esforzo organizativo, non só da A.C. Telon e Aparte, senón do departamento de cultura do Concello de Carballo, que ademais da importante colaboración económica, aporta o persoal técnico de Cultura necesario para poñer en pé unha actividade que está considerada como un dos eventos culturais máis relevantes de Galicia. Nunha edición normal, o Festival presenta, nun mes, en torno a 40 funcións de teatro, en máis de 15 espazos diferentes, e con preto de 10 actividades paralelas que van dende concursos fotográficos, exposicións, campamentos para nenos, concursos, etc que no seu conxunto supón a participación de mais de 3.600 espectadores.

Consideras que o teatro está potenciado na capital bergantiñá e nos arredores?

É evidente que o FIOT, xunto con outras iniciativas que se desenvolven en distintos Concellos de Bergantiños e a Costa da Morte, constitúe un gran capital cultural para estas comarcas e unha panca de desenvolvemento non só cultural, senón turística e económica, e sobre todo proxectando este territorio cara fora e aportando valor á imaxe de marca das nosas bisbarras.

Con motivo da pandemia levouse a cabo no mes de outubro “Fiot en Pausa”. En que consistiu?

Fiot en pausa, foi a resposta do Festival ás restriccións derivadas da pandemia sanitaria do COVID. Nun momento no que as limitacións de aforo e as recomendacións sanitarias impedían o desenvolvemento dunha edición normal do festival, ante a alternativa da suspensión optamos por unha edición “reducida” e adaptada ás circunstancias, pero coa intención de mandar unha mensaxe de cultura segura e de rebeldía contra unha situación que castigou ao sector das industrias culturais no seu conxunto.

Está xa aberto o prazo para a quinta edición do Certame de micro-escenas metro cadrado. Cales son os principais propósitos desta proposta cultural?

O certame de escenas de micro-teatro, é unha das sección do FIOT (gustamos consideralos como “festivais dentro do festival”) igual que o OTNI, a Rúa dos Contos , FIOTIÑO ou o“Fiot Fónico”.

Metro cadrado, foi a nosa resposta á necesidade de que o FIOT actúe proactivamente no impulso da creación escénica, nomeadamente no ámbito dos profesionais máis novos e que principian a súas carreiras. Entendemos que podemos ser un excelente altavoz para que os máis novos, profesionais e compañías, teñan un espazo para presentar o seu traballo en boas condicións escénicas e dentro dun programa máis amplo que sirva de escaparate e proxección das súas propostas.

O formato de concurso, que nos parece máis aberto e xusto xa que a escolla dos que chegan a representarse faina un tribunal profesional, non o festival, persegue animar a tódolos que teñen un proxecto para que o presenten, non só polo premio en metálico, senón pola oportunidade de mostrar o seu traballo nun marco moi prestixioso e diante dun público interesado nas artes escénicas.

A función de impulso e apoio aos profesionais e a nova creación é o obxetivo central do FIOT.

Que nos podes adiantar da edición do FIOT desde outono?

O FIOT 2021 tentará de voltar ós formatos habituais, pre-pandemia. Neste momento está en plena fase de “producción” para chegar ao outono en plenas condicións de retomar o tempo do teatro e as artes escénicas en Carballo.

27 may 2021 / 18:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.