Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A hostalaría carballesa non pagará polo uso de terrazas no 2021

A exención xa se aplicou durante este ano //Esta proposta presentarase no pleno municipal o vindeiro luns 30 de novembro // Reducirase a taxa de recollida de lixo tamén a axencias de viaxes e hospedaxes

Carballo. Os establecementos hostaleiros de Carballo non pagarán o ano que vén a taxa pola ocupación de solo público con terrazas. A modificación da ordenanza que permitirá aplicar a exención, por segundo ano consecutivo, forma parte das propostas que presentará o goberno municipal do BNG no pleno ordinario do luns 30 de novembro co obxectivo de reducir a presión fiscal dos negocios máis afectados pola crise da COVID. Outra medida, de aplicación a todo o sector da hostalaría, así coma a hospedaxes ou axencias de viaxes, será a redución da taxa pola recollida de lixo ata un máximo do 50%.

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, presentaron hoxe as iniciativas, que pretenden paliar os efectos das restricións que afectan á actividade dos sectores económicos. No caso do lixo, o rexedor explicou que o importe desta taxa está establecido en función dos custes do servizo de recollida e do tratamento, cada un dos cales supón, aproximadamente, o 50%. “Por cada trimestre no que haxa algún tipo de restrición, por mínima que sexa, descontarase un 12,5%, ata un máximo do 50% sobre o recibo anual. Entendemos que non se pode suprimir a taxa porque o servizo sempre supón un gasto que, doutro xeito, debería asumir o conxunto da cidadanía”, explicou.

OUTROS ASUNTOS. En relación co sector económico, no pleno do luns tamén será debatida unha moción do PP sobre axudas á hostalaría e outra sobre a creación de mesas de hostalaría e comercio. O PSOE tamén presentou unha moción, neste caso relativa á sanidade.

A sesión ordinaria inclúira unha declaración institucional contra a violencia de xénero, a derrogación de dúas ordenanzas que quedaron desfasadas e a resolución dun expediente de investigación dun camiño de Goiáns de Arriba na que se conclúe que non é público.

27 nov 2020 / 18:59
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.