Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Laracha concede axudas para estudantes e subvencións a asociacións culturais e deportivas

Foi acordado na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe // O municipio establecerá un acordo de adhesión á Rede Xatemprego

A Laracha. Hoxe tivo lugar unha nova sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local da Laracha na que se acordou adxudicar dúas liñas de axudas municipais dirixidas aos estudantes e tamén as subvencións anuais ao tecido asociativo municipal e aos deportistas individuais máis destacados. Fíxose de acordo á proposta da Comisión de Valoración que durante as últimas semanas analizou e avaliou en base aos criterios establecidos nas bases das convocatorias a totalidade das solicitudes presentadas.

Á habitual liña de axudas ás familias para a escolarización dos seus fillos presentáronse 596 solicitudes. Nesta convocatoria de subvencións o Concello inviste 55.000 euros para cooperar no financiamento da adquisición do material escolar e didáctico complementario ou calquera outro desembolso directamente relacionado coa actividade educativa para o curso 2020-2021. As contías das subvencións serán de 125 euros para os beneficiarios de bolsas de estudos que sexan estudantes de educación infantil, 100 euros para os de educación primaria, secundaria obrigatoria, 180 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior e 300 euros tanto para os que cursen estudos universitarios de grao medio ou superior como para aqueles alumnos que requiran de necesidades educativas especiais.

A outra convocatoria municipal de axudas aos estudantes, que se realiza excepcionalmente, ten por obxecto subvencionar a adquisición de material informático. O Concello destina 20.000 euros a este programa, pensado especificamente para o alumnado que comprase ou vaia comprar antes de final de ano un ordenador persoal, tableta, impresora ou libro electrónico para adaptarse ás circunstancias da suspensión das clases presenciais desde o mes de marzo debido á Covid-19 e poder participar nelas de xeito telemático. Neste caso, a contía das axudas será de 200 euros por beneficiario. Foron 368 as solicitudes presentadas.

O listado das persoas beneficiadas poderase consultar na páxina web do Concello.

A terceira liña de axudas adxudicadas hoxe na Xunta de Goberno é a das subvencións municipais ás asociacións culturais e educativas, clubs deportivos e Anpas para o desenvolvemento de actividades de interese xeral, así como aos deportistas locais de maior éxito –a niveis provincial, autonómico, estatal e internacional- nas diferentes disciplinas.

Esta cooperación económica é unha parte da colaboración do Concello da Laracha coas entidades, ás que tamén se presta un continuo apoio organizativo no deseño e o desenvolvemento das súas actividades, cedendo ademais, en moitos casos, instalacións de titularidade municipal de xeito totalmente gratuíto.

OUTROS ASUNTOS. A Xunta de Goberno Local tamén autorizou a solicitude de participación do Concello da Laracha na convocatoria de axudas da Consellería de Emprego e Igualdade para cooperar no mantemento da Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local. O acordo implica a adhesión do Concello da Laracha á Rede Xatemprego de persoal técnico de Galicia que ten por obxecto reforzar as políticas de impulso ao emprego e ao emprendemento, así como potenciar o desenvolvemento local.

Por outra banda, concedéronse dúas licencias urbanísticas, unha de primeira ocupación e outra para a construción dunha vivenda unifamiliar.

19 nov 2020 / 19:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.