Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Laracha contará con máis de 8 millóns de orzamento no 2021

As contas serán sometidas a debate e votación nun pleno extraordinario o mércores, día 23

A Corporación da Laracha debatirá o mércores, día 23, a proposta de orzamentos municipais para o exercicio económico 2021. Trátase, segundo o goberno local (PP), dunhas contas equilibradas en gastos e ingresos e que ascenden a 8.305.000 euros, o que supón un incremento de 70.000 euros con respecto ás do exercicio anterior.

Salientan a “escrupulosa prudencia” coa que se levan a cabo as previsións de ingresos, baseadas fundamentalmente no realmente recadado para o caso dos impostos tributarios e nos compromisos de ingresos que existen doutras administracións. Por iso, engaden, son unhas contas abertas a modificacións para dar resposta inmediata ás necesidades que se poidan producir ao longo do ano, como xa sucedeu no actual exercicio 2020, que se pechará cun orzamento de case 16 millóns de euros, preto do dobre que o presuposto inicial.

No 2021o goberno local continúa apostando por un modelo de xestión municipal baseado na protección social, prestación de servizos de calidade á cidadanía, promoción do emprego, esforzo investidor e apoio económico directo ao tecido asociativo e aos estudantes. Un ano máis farase mantendo a política tributaria da conxelación de impostos e taxas municipais para non subir a presión fiscal á cidadanía por parte do Concello e sen presentar débeda con entidades financeiras.

O capítulo dous de gastos, relativo aos mantementos dos equipamentos públicos e á prestación da totalidade dos servizos de competencia municipal (os principais son o ciclo da auga, axuda no fogar, recollida de lixo, iluminación pública, mantemento da rede viaria, servizos de conserxería e limpeza de edificios e instalacións), alcanza os cinco millóns de euros e supón máis do sesenta por cento do total do orzamento. Neste apartado tamén se inclúen neste ano servizos arqueolóxicos para a posta en valor do Castro de Montes Claros.

Un de cada catro euros destes presupostos (2.028.000 euros) terán por destino a protección social e a promoción do emprego, “polo que un ano máis as persoas estarán no centro da política municipal”, sinalan dende o goberno local. Neste capítulo están consignados os créditos necesarios para o mantemento de todos os equipamentos adscritos aos servizos sociais (escola infantil, centro de día e fogar residencial, centros sociais), o fondo de emerxencia social, a achega municipal para o Plan de Transporte Metropolitano e o financiamento de programas dirixidos a mellorar as competencias profesionais dos cidadáns para facilitarlles a inserción no mercado laboral.

O capítulo de investimentos reais lévase máis do dez por cento do orzamento (863.000 euros), estando consignada a partida económica para a construción dunha pista de skate (155.000 euros) nas inmediacións do IES Agra de Leborís, completándose así os equipamentos nesta zona que o Concello está a transformar para convertela nun espazo de referencia para a cidadanía coa urbanización, apertura dunha nova vía e creación de dúas pistas polideportivas.

Nos orzamentos tamén se contemplan como investimentos a mellora da rede viaria en diversas estradas rurais de todas as parroquias.

O gasto previsto no capítulo de persoal presenta un lixeiro aumento con respecto ao exercicio anterior que se explica polo incremento das retribucións previsto no proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2021 e tamén pola incorporación de persoal interino para o desenvolvemento de proxectos vinculados ás medidas derivadas da loita contra a pandemia.

En canto á cultura e o deporte, están contempladas as aplicacións de gastos necesarias para ofrecer á cidadanía unha oferta de actividades e eventos variada e de calidade, así como para apoiar economicamente ao tecido asociativo municipal. Para os estudantes, en 2021 convocaranse tanto as axudas á escolarización como o programa de subvencións para adquisición de material informático, cunha dotación económica total de 75.000 euros.

Salientar, ademais, que se renovará a colaboración económica coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, a Confraría de Pescadores de Caión (polo Museo do Arquivo da Pesca) e a Asociación de Comercio (ACSIL).

20 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.