Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Laracha leva máis dun ano esperando polo cobro das axudas do IDAE

A Laracha. O Concello larachés trasladará unha queixa formal ao Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), ao Ministerio de Transición Ecológica, do que depende dita entidade pública, e tamén á Delegación do Goberno en Galicia ante o retraso no abono das subvencións concedidas para a execución dos proxectos de mellora de eficiencia enerxética.

No ano 2017, o Concello presentou cinco proxectos dirixidos a substituír a iluminación pública antiga por outras lámpadas con tecnoloxía LED e de maior eficiencia enerxética dos núcleos urbanos e rurais, parque empresarial, edificios municipais e instalacións deportivas. O orzamento total ascendeu a 1,2 millóns de euros, dos cales o IDAE financiaría o 80 %.

O Concello debía realizar o procedemento de contratación, asumir o 20 % restante do presuposto e, ademais, adiantar a totalidade dos pagos ás empresas adxudicatarias. Toda a contratación, execución e pago dos cinco proxectos foi xa completada polo Concello en xaneiro de 2021.

“Un ano despois de concluírse ditas actuacións, aínda non foi liberado ningún pagamento das axudas do IDAE, polo que o Concello ten pendente de cobro os 905.784,06 euros que tivera que adiantar previamente procedentes de fondos municipais. Esta circunstancia implicará consecuencias relevantes no resultado orzamentario municipal do exercicio pasado, xa que o peche das contas arroxará un menor remanente de tesourería e o Concello non poderá dispoñer deses fondos para acometer obras e prestar novos servizos de interese xeral para a cidadanía”, afirman dende o goberno local.

Por iso, desde o Concello remitirase a queixa formal ante a previsión de que o retraso no ingreso das axudas concedidas se prolongue aínda máis dado que dos cinco proxectos -cuxa execución está concluída hai máis de un ano-, por parte do IDAE só un deles está na fase final da xustificación e mesmo en dous nin sequera abriu a posibilidade de que o Concello presente a xustificación da realización da contratación.

A reclamación tamén se remitirá á Delegación do Goberno en Galicia despois de que o alcalde, José Manuel López Varela, nun encontro celebrado na Laracha a mediados do mes de decembro, solicitase a mediación da subdelegada, María Rivas, na procura dunha solución a esta situación “sen que, polo momento, se produciran avances ao respecto”, afirman.

20 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.