Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Laracha reforza o punto limpo cun servizo móbil

Máis de medio milleiro de persoas utilizaron as instalacións o pasado ano // Licitarán en breve un novo contrato de xestión

O Concello da Laracha reforzará a xestión dos residuos voluminosos coa incorporación dun novo punto limpo móbil que complementará un servizo que o ano pasado foi demandado por máis de cincocentas persoas.

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, e o alcalde larachés, José Manuel Varela, presentaron onte o novo camión de carga que será empregado como punto móbil de recollida de residuos por todas as parroquias. Un vehículo valorado en más de 58.000 euros que foi adquirido polo Concello coa colaboración económica da Consellería de Medio Ambiente, ao abeiro da orde de subvencións dirixidas a entidades locais, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Grazas a este equipamento “mellorarase o servizo de recollida a domicilio de residuos especiais (voluminosos e perigosos) que se presta a cidadanía”, sinalan dende o Concello larachés.

No balance do punto limpo de 2020, que xestiona a Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (Aspaber),figura que 430 persoas acudiron ás instalacións ubicadas no Formigueiro e outras 79 solicitaron o servizo de recollida de voluminosos a domicilio.

Os datos globais ao remate do ano presentan “un lóxico descenso”, afirman, tanto no número de usuarios como do material recollido con respecto a 2019. En total, recolleron e xestionaron para o seu posterior tratamento (en centros especializados) 11,5 toneladas de voluminosos, correspondendo máis da metade a colchóns e sofás.

A iso hai que engadir 11 toneladas de aparellos electrónicos, equipos informáticos e electrodomésticos; 9 toneladas de restos de obras (tellas, metais, pintura); 7,5 de madeira; 457 quilos de vidro plano; 600 Kg de aceites vexetais e minerais; 358 de plásticos duros (silo e invernadoiros); 35 de envases con restos de sustancias tóxicas ou perigosas; 20 de fluorescentes desbotados; e 18 de baterías e acumuladores.

Aspaber tamén se encarga da recollida dos contedores azuis e dos iglús verdes en todo o municipio. Neses recipientes os laracheses depositaron o pasado ano un total de 181 toneladas de envases de vidro e 109 de papel e cartón.

O Concello da Laracha agradece á veciñanza “o seu esforzo na separación dos residuos, unha cuestión esencial para facilitar o posterior tratamento e reciclado por parte de xestores especializados”. Lembran que o punto limpo é un servizo totalmente gratuíto para os usuarios, que está aberto ao público os luns, mércores e venres pola tarde e os sábados pola mañá. A recolliza de voluminosos a domicilio tamén é gratuíta e pode concertarse cita poñéndose en contacto con Aspaber vía telefóno ou por correo electrónico.

Dende o Concello anuncian ademais que sacarán a licitación nos próximos días os novos contratos de limpeza viaria e tamén da xestión do punto limpo e do servizo de recollida de voluminosos.

SETE MUNICIPIOS. Por outra banda, Trenor destacou que grazas a esta orde recibiron máis de 244.000 euros sete municipios de Bergantiños e Costa da Morte a través de dúas liñas de axuda. Os beneficiarios foron os concellos de Muxía e Carballo que, aoi igual que o da Laracha, contarán con puntos limpos móbiles. As axudas aos tres superan os 171.000 euros.

Ademais, Carballo recibiu unha achega de máis de 6.000 euros para levar a cabo un proxecto de recollida selectiva de fraccións orgánicas. Por outra banda, o municipio carballés e os de Camariñas e Vimianzo recibiron máis de 67.000 euros para desenvolver proxectos en materia de compostaxe in situ. Todas as subvencións van orientadas a poñer en marcha actuacións destinadas á prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos, segundo o delegado territorial da Xunta.

12 ene 2021 / 16:29
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.