Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Laracha ten hoxe 188 habitantes máis que ao comezo da pandemia

Superou a barreira dos 11.600 residentes e no último ano rexistrou case cincocentas altas

A Laracha. O Concello da Laracha conta a día de hoxe con 11.606 persoas residentes no termo municipal, o que supón un incremento de 188 con respecto á cifra rexistrada hai algo máis de un ano, o 14 de marzo de 2020, cando se declarou o primeiro estado de alarma debido á pandemia do coronavirus.

Desde esa data rexistráronse 491 altas (das cales 409 foron por cambio de residencia e 69 por nacementos) e 303 baixas (192 por cambio de residencia e 94 por defuncións).

Desa cifra total, o 50,80 % son mulleres (5.896) e o 49,20 % son varóns (5.710). Na pirámide poboacional reflíctese que a franxa de idade con maior número de habitantes é a que vai dos 40 aos 49 anos, con 2.076 persoas. Ademais hai 851 nenos menores de dez anos de idade e soamente catro persoas que superan o século de vida (tres mulleres e un varón). Por parroquias, as catro que contan con maior número de habitantes son Torás (4.061), Lestón (1.370), Cabovilaño (1.139) e Caión (849).

Salientar, tamén, que entre a poboación larachesa hai 332 habitantes procedentes de 37 países estranxeiros diferentes, estando á cabeza Marrocos (69 persoas), Portugal (50), Brasil (27) e Italia (16).

As cifras do padrón municipal de habitantes presentan certas diferenzas no cómputo con respecto ás do Instituto Nacional de Estadística (INE). O último dato oficial deste organismo data do 1 de xaneiro de 2020, situando a poboación larachesa naquel momento –hai xa máis de quince meses- en 11.406 habitantes. Previsiblemente a actualización a 1 de xaneiro do ano actual recollerá o aumento poboacional rexistrado no padrón no último ano.

“O continuo e progresivo aumento de poboación que está a rexistrar o Concello da Laracha é un claro indicador sobre a calidade de vida que se ofrece no termo municipal”, afirman dende o goberno municipal.

18 mar 2021 / 16:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.