Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Laracha recuperará e valorizará os plásticos co proxecto Diversiplás

Bergantiños. O Concello vén de sumarse como entidade colaboradora do proxecto Diversiplás impulsado pola asociación Íntegro. Trátase dunha iniciativa dirixida á recuperación e valorización de residuos plásticos derivados da actividade marisqueira e da pesca, que ten como protagonistas aos axentes sociais da Costa da Morte. Coordinado por Íntegro, conta co apoio do GALP Costa da Morte e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca a través da Consellería do Mar.

Entre os seus obxectivos figuran promover a inclusión social das persoas con diversidade funcional preservando o medio natural da Costa da Morte e xerando novas dinámicas colaborativas para a posta en marcha de proxectos de economía circular. O alcalde, José Manuel López Varela, e os edís José Ramón Martínez e Rocío López, recibiron no Concello ao presidente de Íntegro, Adolfo López, e á directora, Noelia Barreira, que cederon ao Concello dous contedores brancos que serán instalados na biblioteca municipal da Laracha e no centro sociocultural de Paiosaco. Tamén haberá un contedor idéntico na Confraría de Pescadores de Caión, que do mesmo xeito que o Concello tamén é unha entidade colaboradora.

Aquelas persoas que desexen cooperar deben depositar neses recipientes os envases de plástico que conteñan os símbolos 2 (polietileno de alta densidade), 5 (polipropileno) e 6 (poliestireno), sen etiquetas e lavados con auga e xabón.

En próximas datas Íntegro ten previsto levar a cabo accións informativas dirixidas especialmente ao público infantil para explicarlles polo miúdo o tipo de envases que poden ser empregados por Diversiplás e animalos a colaborar con ese programa.

23 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.