Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A luz da ciencia vai iluminar o Museo do Dolmen de Dombate

Acollerá unha serie de aulas científicas a partir do venres // A primeira adicarase á astronomía

O Museo do Dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños) acollerá a partir do vindeiro venres, día 26, unha serie de aulas científicas nas que se abordarán temas moi variados, desde a astronomía ás vacinas e tamén o patrimonio.

Este programa, bautizado como A luz da ciencia dende o Dolmen de Dombate, está organizado pola Deputación da Coruña e o Concello de Cabana e dirixido polo físico baiés Jorge Mira.

A astronomía será a protagonista do primeiro dos encontros científicos, nos que participarán investigadores e especialistas de diferentes disciplinas. Jorge Mira destacou no acto de presentación, celebrado este martes na Aula de Estudos Científicos da USC, que neste territorio se produce “o último solpor de Europa” e permite unha estratexia que é a maxia da Costa da Morte para a explotación do turismo astronómico, o que pon de relevo tamén “o tesouro que temos”, afirmou.

Esta primeira aula poderase seguir a través de Internet a partir do sábado, día 27, sendo o primeiro dos capítulos que formarán parte dun espazo formativo que estará dispoñible nas páxinas web da Deputación (www.dacoruna.gal) e do Concello (http://www.concello-cabana.es/astronomiadombate).

A gravación terá lugar os días 26 e 27 e poderá ser seguida de xeito presencial por un número de asistentes pequeno por mor das restricións sanitarias.

Os temas desta primeira entrega serán Cousas e movemento do ceo, a cargo do astrónomo Borja Tosar; Como definiu a astronomía a orientación dos monumentos antigos? Estudo arqueoastronómico do Dolmen de Dombate, da man de A. César González García, presidente da Sociedade Europea para a Astronomía na Cultura; Busca dos puntos do último solpor da Europa continental, a cargo de Jorge Mira; O Camiño do Sol a través da paisaxe, con Fernando Rey Daluz, experto en fotografía astronómica; e a mesa redonda Posibilidades de desenvolvemento vinculadas á observación astronómica na Costa da Morte, coa participación do alcalde, José Muíño, Jorge Mira, Fernando Rey e Xosé Luís Penas, moderados por Santiago Garrido Rial.

O rexedor cabanés asegurou que estas xornadas nacen “daquela primeira semente de 2003, cando comezamos unha andaina coa Noites das Estrelas e desde aquel momento Jorge Mira nos explica o que é o noso ceo”.

O deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas, afirmou que “veñen para quedarse” e sinalou que o obxectivo é “facilitar o acceso de información científica a toda a sociedade”. Pola súa banda, Jorge Mira definiu as xornadas como “unha acción maior de goberno da Deputación” e destacou que a difusión por medios dixitais é “algo moi importante, que poucas institucións están facendo, co cal a chegada vai ser moito máis intensa”.

23 mar 2021 / 16:47
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.