Aberto de Billa nos campos de xogo do Museo Etnolúdico de Ponteceso
Na xornada das Letras Galegas os visitantes encheron as salas de exposición do Melga
Ponteceso. O vindeiro domingo, día 22, os campos de xogo do Museo Etnolúdico de Galicia, con sede en Ponteceso, acollerán o X Aberto de Billa, que coincidirá coa derradeira xornada de liga de conferencia noroeste nesta tempada.
A proba comezará ás 10.30 horas. A inscrición, de balde, debe formalizarse no Melga, a través do email ricardoperezyverdes@gmail.com ou chamando ao número 981 715 442. Os participantes deberán traer a pala e a billa.
Agárdase outra intensa xornada, despois da avalancha de visitantes que recibiu o Melga no Día das Letras Galegas. “Por momentos vímonos desbordados pola cantidade de persoas”, afirmou ao respecto o director do museo, Ricardo Pérez y Verdes.
Os asistentes poideron desfrutar dunha visita guiada gratuíta, que foi dirixida polo propio Pérez y Verdes. “Foi a mellor xornada das Letras Galegas dos oito anos que leva aberto o Melga”, afirmou.
Foi ademais un día de récord, xa que un mozo, de nome Yago, bateu o mellor rexistro do Xogo das Casas, cun total de setenta puntos, despois de varios anos nos que a marca permaneceu atascada nos sesenta e cinco puntos.
Por outra banda, a Fundación Ricardo Pérez y Verdes e o Melga veñen de participar no VIII Encontro Internacional de Xogos e Deportes Tradicionais, celebrado en Aranda de Douro (Burgos). Formaron parte da delegación galega, que estivo integrada por vinte persoas representando a asociacións e museos de Melide, Santiago, Lourenzá e Ponteceso. M. LAVANDEIRA