Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Divulgación. Senda Nova vén de presentar o segundo número da publicación que reivindica os valores do rural // Da visibilidade á labor de colectivos veciñais, culturais e ambientais // Pódese adquirir en espazos colaboradores TEXTO J. Ramos

‘Abrindo Camiño’ en favor do patrimonio da Costa da Morte

A segunda edición da revista Abrindo Camiño de Senda Nova xa está circulando polo rural de Bergantiños, logo de que fose presentada na fin de semana no Espazo da Natureza de Oza (Carballo). Unha publicación que, segundo o presidente do colectivo ambiental, José M. Menéndez, pretende, entre outras cousas, “poñer en valor o patrimonio das nosas comarcas”.

Trátase dunha iniciativa que xurdiu cos obxectivos de visibilizar a labor de entidades veciñais, culturais e ambientais, entre outras, que traballan no rural das comarcas da Costa da Morte, especialmente nas de Bergantiños e Terra de Soneira. Tamén quere dar voz aos movementos a prol do medio. Ao mesmo tempo, a través das súas páxinas danlle visibilidade a movementos doutros lugares coa fin de estreitar lazos de colaboración.

Por outra banda, a revista serve para difundir e divulgar os proxectos de Senda Nova e para dar a coñecer o patrimonio destas terras atlánticas e os seus potenciais económicos sostibles, poñendo sempre o foco nas persoas e na súa labor.

Abrindo Camiño é o froito dun traballo intenso, da axuda dos colaboradores, de donacións e do esforzo económico da propia Asociación Ambiental Senda Nova que, neste segundo número, quixo tamén amosar o seu apoio ao pequeno comercio da zona ofrecéndolle un espazo de balde onde anunciarse.

José Manuel Menéndez asegura que a elaboración desta segunda edición levouse a cabo “en plena corentena” e por iso abrangue interesantes visións “relacionando esta co mesmo entorno rural que nos rodea e salientando a importancia do mesmo a través dos sectores primarios, as feiras, a escola rural.... e tamén o coidado do territorio contra proxectos insostibles, ou mesmo dende o coñecemento do mesmo a través dos vestixios culturais e lugares de interese ambiental”.

A publicación inclúe unha editorial, un espazo de opinión, un recuncho de sentimento e as seccións Parroquia a Parroquia, Bioespazo, Contranatura, Acción Mocidade, Dende Lonxe, Patrimonio Inmaterial, En Movemento e Máis Ecolóxico.

Os interesados poden facerse cun exemplar nalgúns dos diferentes espazos colaboradores a un prezo de 1 euro. A día de hoxe xa está presente na taberna O Logradouro, nas librarías Teldi e Punto e Coma, e na cervecería La Bombonera, todos eles de Carballo, ademais de na Casa Lino, de Rus, e no centro social Gomes Gaioso, da cidade da Coruña. A intención da asociación e ir ampliando os puntos de distribución “para tecer unha rede máis ampla de difusión”, sinalou o seu presidente.

No acto de presentación participaron persoas colaboradoras da publicación, membros de Senda Nova e tamén veciñanza que se achegou ata Oza para dar a benvida a unha edición con máis contidos e unha mellorada estrutura capaz de aumentar de 24 a 40 páxinas, respecto ao primeiro número da publicación.

Agora que acaba de comezar a nova estación, os directivos da asociación ambiental xa están a traballar para poñer en marcha una nova edición do Outono en Marcha, que guiará, un ano máis, aos seus seguidores polos camiños e corredoiras coa fin de aprender do que nos rodea. Unha iniciativa que naceu co obxectivo de seguir mantendo o compromiso de percorrer e dinamizar, alomenos unha vez por ano, cada unha das rutas deseñadas por Senda Nova para dar a coñecer lugares de importancia patrimonial. Aseguran dende o colectivo que xa teñen ganas de saír a aprender “nas camiñadas de follas secas e cheiro a humidade”. Xa queda menos.

23 sep 2020 / 17:42
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.