Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Adxudicados dous proxectos de mellora na contorna do IES Agra de Leborís da Laracha

Trátase dunha urbanización da prolongación da Avenida Manuel Fraga e a construción dunha pista polideportiva descuberta // As obras realizaranse por un valor de 343.000 euros

A Laracha. A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe en sesión extraordinaria, acordou adxudicar dous proxectos contemplados no Plan especial de equipamentos educativos do IES Agra de Leborís que están valorados nun total de 343.000 euros.

Por unha parte está a urbanización da prolongación da Avenida Manuel Fraga ata a rúa Maruja Mallo, é dicir, a vía de recente apertura coa que o Concello crea unha circunvalación que conecta directamente a estrada A Laracha-A Silva (DP-2404) coa estrada A Laracha-Soandres (DP-1913) pola Avenida Doutor López Astray, mellorándose sensiblemente as comunicacións rodadas ao evitar que os vehículos deban acceder polo centro do casco urbano da Laracha.

O proxecto de urbanización desta nova vía foi adxudicado a Construcciones Ponciano Nieto S.L. por ter presentado a mellor das ofertas entre as 31 empresas que concorreron ao procedemento. Inclúe a pavimentación da calzada, construción de beirarrúas, espazo de aparcamento, axardinamento, creación das redes de saneamento e abastecemento, canalización soterrada dos servizos de rede eléctrica, telecomunicacións e iluminación pública e tamén a sinalización horizontal e vertical, estando contemplado, entre outras medidas, un paso de peóns elevado. A obra permitirá habilitar un novo acceso cara o instituto para os autobuses de transporte escolar, reforzándose así a seguridade para os seus usuarios.

O outro proxecto adxudicado hoxe localízase na mesma zona e consiste na creación, xunto ao IES Agra de Leborís, dunha nova pista polideportiva descuberta que terá unhas dimensións de 42x25 metros máis dous metros de seguridade e nas que se marcará lonxitudinalmente unha pista de fútbol sala de medidas regulamentarias e, transversalmente, dúas pistas de baloncesto. Contará con iluminación con báculos e un valado perimetral de malla.

A empresa SYR-AMG será a encargada de construír este novo equipamento público –a este procedemento presentáronse 22 ofertas-, que estará a carón da outra pista polideportiva descuberta de recente creación xa que ambas infraestruturas serán complementarias entre si ao presentar unhas características distintas e estar equipadas para adaptar o seu uso aos diferentes grupos de idade.

Nos próximos días o Concello procederá a formalizar ambos contratos coas empresas adxudicatarias como trámite administrativo previo ao inicio das obras.

Salientar, por último, que na Xunta de Goberno Local concedeuse a licenza urbanística para a construción dunha vivenda unifamiliar no núcleo de Estramil.

30 oct 2020 / 18:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.