Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Adxudican o cambio da pasarela e das ramplas da praia de Razo

A empresa Jardinería Arce disporá de catro meses de prazo para a execución da obras

Carballo. A xunta de goberno local de Carballo vén de adxudicar á empresa Jardinería Arce, por 164.064,57 euros, as obras de substitución da pasarela e das ramplas de madeira do paseo da praia de Razo. O acordo adoptado pon fin a un proceso administrativo iniciado xa no ano 2021 coa elaboración do proxecto no mes de setembro e a súa remisión aos organismos competentes ao mes seguinte, e permite acometer as necesarias obras nun dos principais enclaves turísticos do concello carballés.

“A tardanza das administracións estatal e autonómica en contestar foi a principal causa da demora”, aseguran dende o Concello.

A empresa Jardinería Arce disporá de 4 meses de prazo, a partir da sinatura do contrato, para a execución das obras. A pasarela, que ten algo máis de 600 metros de lonxitude, foi construída entre os anos 2003 e 2005, e case vinte anos despois precisa unha reforma integral. As obras consistirán na demolición e levantado das estruturas actuais e a limpeza da zona, a reposición do borde de formigón, a instalación da nova pasarela de madeira de pino tratada, así coma das ramplas de accesibilidade.

O proxecto tamén prevé o traslado das columnas de alumeado público, bandeirolas e megafonía que invaden a zona de paso e a ampliación dos cubre-contedores.

Dende o goberno local explican que para evitar molestias á veciñanza e ás persoas usuarias da praia durante a época de maior afluencia, os traballos empezarán no mes de setembro. “Dende o Concello de Carballo pedimos desculpas por anticipado polas molestias que se poidan ocasionar e agradecemos a colaboración da cidadanía para o bo e rápido desenvolvemento das obras”, indican dende o goberno local. C.G.

20 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.