Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
LECER. Carballo celebra o San Xoán con concertos musicais cun aforo controlado // Muxía acolle un parque de atraccións ata o domingo e Corme desfruta o sábado dun mercado artesanal // En Brandoñas haberá un vermú enxebre TEXTO J. M. Ramos

Ambiente de festa para recibir ao verán na Costa da Morte

A chegada do verán, a aparición do sol e a rebaixa das restricións sanitarias devolveron un certo ambiente de festa á Costa da Morte, que nesta fin de semana acolle xa múltiples propostas lúdicas e de lecer para todas a idades. Un dos epicentros está en Carballo, onde a pesar que non poden celebrar o San Xoán ao xeito tradicional, deseñaron un programa de actividades co lema A festa levámola dentro.

Este xoves festexaron o día grande cun concerto da Banda Municipal de Música na Praza do Concello, baixo a dirección de Rafael Espido, coincidindo coa saída da misa ao patrón, na que o alcalde, Evencio Ferrero, realizou a tradicional ofrenda a San Xoán. Pola noite, volveu a soar a música nas pistas do Chorís cos concertos dos grupos carballeses Chicharrón, Tu futura ex-mujer e Lowcos. Hoxe, venres 25, celebrarán o Día do Santísimo Sacramento, e pola tarde haberá outro ciclo de concertos con Quercus Blues e Elvis Negro, a partir das 20.00 horas.

A elección das pistas de Chorís permitirá controlar os accesos, dado que se trata dun recinto pechado perimetralmente, de xeito que se poidan garantir as medidas de prevención. Os asistentes terán que facilitar os seus datos á chegada e colocaráselles unha pulseira que lles permitirá saír do recinto nos descansos e que ademais identificará a súa zona-burbulla. O público estará sentado e con máscara.

Pola súa banda, o Concello de Muxía inaugurou o mércores o programa MuxiUp coa apertura dun parque de atraccións na Praza do Coído, do que poderán gozar os nenos e nenas do municipio ata o vindeiro domingo, día 27. A concellería de Xuventude e Cultura, que dirixe Olalla Benlloch, agasalla con cinco entradas gratuítas a todos os rapaces empadroados no municipio para que poidan desfrutar das diferentes atraccións.

En Corme (Ponteceso) celebrarase o sabádo, día 26, o Mercado Artesanal Marusía, organizado polo colectivo Mulleres do Pobo coa colaboración do Concello pontecesán. Abrirá as súas portas ás 11.00 horas no Xardín vello e ao longo do día haberá múltiples actividades de animación nas rúas e prazas da vila. Así, os nenos a partir de 3 anos e familias poderán practicar ioga á beira do mar na Praza da Ribeira, a partir das 11.30 horas, e baixo a dirección de Lila Búa.

Bea Sanvil presentará o monólogo Miña nai querida e a música poñerana Ramón Burillo, Cecilia Burillo e o grupo Os Farrapos. Pola tarde, ás 20.00 horas, terá lugar a preestrea de Isolada, a cargo da compañía Pajarito.

A xornada rematará cunha queimada e o tradicional conxuro, e unha foliada aberta, a partir das 23.00 horas. A cita é no Xardín vello.

No mes de xullo multiplicaranse as actividades lúdicas e formativas nos distintos concellos da Costa da Morte. O Ecomuseo Forno do Forte, de Buño (Malpica de Bergantiños), xa anunciou que organizarán obradoiros de barro abertos a todas as persoas que se queiran achegar ata a vila oleira. Comezarán o día 1 de xullo e estenderanse ata o 31 de agosto. As clases estarán limitadas a un máximo de quince persoas e impartiranse de martes a sábado, de 16.30 a 18.30 horas.

Pola súa banda, o domingo, día 27, no Campamento Turístico de Brandoñas (Zas), celebrarase unha sesión vermú enxebre, a partir das 12.00 horas. Haberá pinchos a esgalla, pulpo, churrasco e xamón asado. A xornada estará amenizada con música en directo a cargo de Kiko Ciclón. Esta iniciativa desenvolverase cumprindo todos os protocolos COVID, e os asistentes deberán permanecer sentados.

24 jun 2021 / 20:47
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.