Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños, é a catedral do neolítico galego // Alí descubrimos a súa historia e o interese que reclama na actualidade a conservación deste xacemento do megalitismo

Ángel Eiroa, guía: “O turismo cultural segue en alza e os cidadáns interésanse cada vez máis polos restos arqueolóxicos”

Xa son dezaseis anos o tempo que Ángel Eiroa Pose leva guiando as visitas no dolmen de Dombate, situado no municipio onde naceu, Cabana de Bergantiños. “É o dolmen máis emblemático de Galicia, descuberto fai máis de cen anos”, afirma Ángel Eiroa. Grandes escritores como Eduardo Pondal, Manuel Murguía e Otero Pedrayo escribiron sobre el. Como nos comenta, saiu á luz fai moitos anos pero foi coas excavacións de José María Bello Diéguez, a finais dos 80, cando se percataron de que había pinturas e petróglifos no seu interior. “Está demostrado que os petróglifos son anteriores ás pinturas e á construcción do propio dolmen, é dicir, as pedras estaban gravadas antes de montalo na prehistoria”, explica.

Trátase dun monumento de fai 5000 anos do megalitismo, a última etapa do neolítico. Dombate ten a particularidade de que son dous dolmens nun: Dombate recente que é o dolmen grande que vemos todos, e o antigo e máis pequeno, ao lado. “Daquela isto foi unha novidade porque a finais dos 80 en Galicia non había ningún encima doutro”, di. Así, marca a diferenza con respecto a outros, ademais de que é un dos máis conservados e dos máis estudados.

CONSERVACIÓN DO XACEMENTO. No momento en que se descubriron as pinturas, estas quedaron ao aire libre. Aí foi cando comezaron a deteriorarse máis rapidamente, xa que estiveran baixo terra 5000 anos e conserváranse á mesma temperatura e humidade. Os arqueólogos decidiron cubrir o dolmen e as excavacións cunha lona durante uns quince anos. Posteriormente, no 2004 comezou un proceso de posta en valor e de conservación do monumento que consistía en facer unha edificación que protexese todo o conxunto. “Despois de darlle varias voltas ao proxecto inicial decidiuse facer dous edificios. O centro de recepción de visitantes que está na entrada do recinto, sendo o lugar no que está a réplica onde se pode acceder ao interior a tamaño real para facerse unha idea de como son as pinturas. A maiores está o edificio principal, que lle chamamos o pavillón de Dombate, un bloque de 30 por 30 metros que cobre toda a mámoa e o dolmen”, explica en detalle. Ese edificio está climatizado cunhas entradas de aire na parte superior para conseguir unha temperatura e humidade adecuada ao longo do ano e así conservar as pinturas. O obxectivo é que a xente o poida visitar e que ao mesmo tempo se poida resgardar, “algo complicado cun xacemento deste tipo”. Para iso, teñen establecido un aforo limitado durante as visitas.

ADENTRARSE NO LUGAR. Os que se acerquen ao lugar poderán optar por visitas libres ou guiadas. A maiores, durante os meses de xullo e agosto “que é cando ven máis xente”, durante as noites de verán fanse itinerarios nocturnos para que a xente teña outra perspectiva do dolmen. “Isto dalle un toque de misterio e aproveitamos para poñer música de fondo xa que o edificio ten moi boa acústica”, destaca. Ata o día 30 de setembro está o horario de verán. En outono e inverno enfocan a axenda cara as fins de semana e festivos, aínda que tamén hai opcións para acudir o resto de días. “Os que queiran que os orientemos poderán vir ata fin de ano, de martes a venres tres horas pola mañá e as fins de semana haberá seis horas ao día”, comenta.

Durante a época baixa, soen acercarse visitantes de cerca do municipio. En primavera amplían o horario enfocando o esforzo cara os colexios e ofertando obradoiros.

Durante este verán o Concello, que ten un convenio coa Deputación, encargouse de realizar actividades complementarias como visitas nocturas, obradoiros de prehistoria, concertos de música clásica nocturnos, visionario de estrelas... as cales tiveron un gran éxito. Ahora en setembro continúan ofertando unhas actividades de animación cultural como contacontos e animación musical. “Darlle vida ao dolmen e que os interesados en visitalo atopen outro tipo de alicientes para acercarse a Dombate”, iso pretenden conseguir. A maiores, pretenden desestacionalizar o turismo.

O número de visitas está a ser moi similar a anos anteriores, incluso superando ás dúas últimas anualidades. “Pensabamos que co covid ía baixar o número de visitantes pero ao final a xente escapou das masificacións e das cidades e veu para contornos rurais. Quizais iso nos beneficiou”, reflexiona. Nestes meses aumentou moito o público nacional e galego, sendo a gran parte familias de pais e fillos. “A franxa de idade que máis sae é a comprendida entre os 35 e 60 anos, aproximadamente”, conta. Antes da pandemia, había excursións da terceira idade, o que non puido ser este ano e o número de estranxeiros tamén foi moi escaso.

EN AUXE. Co paso dos anos, o Dolmen de Dombate recibe máis forasteiros. “O turismo cultural segue en alza e os cidadáns interésanse cada vez máis polos restos arqueolóxicos”, contempla. A moitos éntralles a curiosidade e pregúntanse: “Por que un dolmen, unhas oito pedras enormes, ten tanto valor?”. Ahí entra Ángel e os seus compañeiros para explicalo. Pode que moitos non saiban o que é un dolmen pero imaxinarse que fai 500 anos persoas como nós poideron carrear esas pedras cun peso de seis toneladas, xa nos sorprende. Non está de máis coñecer a súa historia e reflexionar sobre a importancia da conservación destes xacementos.

18 sep 2020 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.