Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Anuncian a licitación das obras da vía de Grilloi a Ponteceso

Trátase da primeira fase de acondicionamento e mellora da seguridade // As empresas teñen ata o vindeiro 12 de abril para presentar ofertas

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle, anunciou onte a licitación por máis de 1 millón de euros das obras da primeira fase de acondicionamento e mellora da seguridade da estrada que une Grilloi e Ponteceso, en Cabana de Bergantiños.

A presentación do proxecto da Xunta coincidiu co inicio da contratación da actuación para a mellora da seguridade viaria deste municipio e, tamén, do de Coristanco, unha intervención coa que se mellorará a conexión de varias parroquias de Cabana coa autovía da Costa da Morte. No acto, participaron os alcaldes de ambos os dous concellos José Muíño e Juan García, respectivamente.

Vázquez explicou que se acondicionará un treito de 5,3 km da estrada autonómica AC-423, na que se mellorará o firme deteriorado, estendendo unha nova capa de rodadura no ámbito da actuación. Tamén se rectificarán as curvas con radio reducido, aquelas cun radio inferior aos 50 m, nun treito aproximado de medio quilómetro.

Ademais, concretou que se executarán tres treitos de sendas en distintos puntos da estrada: un total de 1,4 quilómetros de itinerarios peonís que conectarán cos que xa hai na actualidade, para favorecer os desprazamentos a pé. En palabras da conselleira, “trátase de facilitar desprazamentos cómodos e seguros para os usuarios vulnerables da estrada”.

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o vindeiro 12 de abril para presentar as súas ofertas. A Xunta tamén prevé publicar en poucos días a convocatoria dos actos expropiatorios das dezasete fincas necesarias para executar as obras. O obxectivo é iniciar os traballos este mesmo verán e que estean finalizados a comezos do próximo ano.

Finalmente, Ethel Vázquez adiantou a previsión do Goberno galego de adxudicar en breve a senda entre Carballo e Coristanco, na AC-552, co obxectivo de iniciar as obras xa en abril, un novo itinerario que suporá un investimento autonómico de máis de 1M€.

16 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.