Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Aplicarán as técnicas redeiras para crear deseños de moda

Malpica acollerá un curso para as artesás galegas promovido por Artesanía de Galicia // Terá unha duración de 60 horas

A deseñadora de moda Rosalía Castro impartirá en Buño (Malpica de Bergantiños) o curso Deseño e aplicación das técnicas das redeiras ao sector da moda e complementos, dirixido ás redeiras artesás galegas. Trátase dunha iniciativa enmarcada no proxecto Enredadas, promovido pola Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Fundación Artesanía de Galicia, en colaboración coa Consellería do Mar.

A actividade estará orientada á aplicación das técnicas das redeiras na creación de pezas para a moda e os complementos, o que “permitirá seguir avanzando na diversificación deste oficio tradicional para buscar novas vías de mercado”, sinalan.

O curso terá unha duración de sesenta horas, e desenvolverase os días 24 e 25 de outubro, 6, 7, 8, 14 e 15 de novembro. As interesadas en participar deberán inscribirse a través da páxina web da Fundación Artesanía de Galicia (https://artesaniadegalicia.xunta.gal/es).

Esta iniciativa formativa permitiralle ás artesás iniciar unha nova aprendizaxe, a partir das técnicas do seu oficio, para coñecer o proceso creativo na moda, así como para aprender a experimentar con novos materiais e técnicas co obxectivo de crear coleccións de produtos e de complementos de moda para a súa comercialización.

Rosalía Castro é deseñadora de moda e traballa na actualidade para importantes industrias téxtiles. Repite experiencia como docente no proxecto Enredadas, no que se encargou de impartir os cursos de aplicación de redes mariñeiras aos complementos de moda desenvolvidos nos anos 2015 e 2016.

Enredadas está a abrir novas oportunidades de negocio para as artesás redeiras a través doutros ámbitos como a moda, os complementos ou a decoración. Este proxecto foi o que propiciou que a Fundación Artesanía de Galicia fose galardoada como exemplo de boas prácticas co Premio Promociona para Entidades Públicas na décimo primeira edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2016.

O desenvolvemento do proxecto está permitindo establecer unha colaboración intersectorial con diferentes axentes: moda, mobiliario, bixutería, complementos, decoración, fotografía, escaparatismo ou xestión comercial. Ademais, estase a fomentar a comercialización off/online destas novas liñas desenvolvidas a partir das técnicas que usan as redeiras galegas.

En Galicia, as redeiras profesionais están integradas na federación galega O Peirao, que agrupa ás asociacións Atalaia (Baixo Miño - A Guarda), Cariño, Cedeira, Illa da Estrela (Corme-Ponteceso), O Cerco (Cangas do Morrazo), O Fieital (Malpica de Bergantiños), Portosín e Virxe do Carme (Porto do Son).

12 oct 2020 / 17:33
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.