Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Aposta firme pola reciclaxe dos aceites de cociña na Laracha

A Laracha. O Concello levou ata a praza Eduardo Vila Fano de Caión a campaña que está a desenvolver para potenciar o reciclado de aceites domésticos. Repartíronse funís de xeito gratuíto entre a cidadanía para facilitar a separación do aceite de cociña para o seu tratamento.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira Rocío López acudiron ao stand para interesarse polo desenvolvemento desta iniciativa. Ademais, aproveitouse a campaña para continuar informando sobre o programa Ti tes a chave sobre o uso dos contedores marróns da quinta fracción de orgánicos.

O vindeiro mércores, día 22, a campaña regresará á vila da Laracha, concretamente ao entorno do centro de saúde, de 10.30 a 13.30 horas.

No desenvolvemento desta iniciativa o Concello conta coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Ministerio de Transición Ecolóxica a través das axudas dos Plans de Impulso ao Medio Ambiente (PIMA) e do Plan Estatal Marco de Xestión de Residuos (PEMAR), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

A acción informativa lévase a cabo despois de poñer a disposición da cidadanía doce colectores de aceite doméstico, de cor laranxa e facilmente identificables, que foron instalados en puntos estratéxicos das vilas da Laracha (Avenida Fisterra, rúas Río Acheiro, Lino Gómez Canedo, Santa Lucía, Rosalía de Castro, Luis Martínez Vázquez e Epifanio Campo xunto ao centro médico, así como na estrada AC-552 á altura das Torres de Cillobre), Paiosaco (campo da feira) e Caión (Avenida da Laracha e rúa Campo da Insua), e tamén na urbanización Monte Claro no Cancelo do Medio (parroquia de Cabovilaño).

O obxectivo desta iniciativa é facilitar a cidadanía un modo ecolóxico de desfacerse do aceite vexetal de cociña unha vez usado, xa que se trata dun material especialmente contaminante para a auga, que dificulta en gran medida o proceso de depuración e que, por tanto, non debe botarse polos desaugadoiros da cociña nin polos inodoros para evitar que cheguen á rede de sumidoiros. O aceite debe depositarse nos contedores en botellas de plástico ben pechadas.

16 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.