Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Aprobado o orzamento de Carballo por un importe de vinte e seis millóns

A proposta só foi apoiada polos concelleiros do BNG // Terra Galega votou en contra e PP e PSOE abstivéronse // Os populares ven “falta de ideas e ineficacia na xestión”

A Corporación de Carballo aprobou o orzamento de 2021, que acada os 26.159.231 euros. A proposta do goberno do BNG non conseguiu o apoio dos grupos da oposición: Terra Galega votou en contra e PP e PSOE abstivéronse. Unhas contas das que o executivo que preside Evencio Ferrero destaca o seu carácter social debido á actual situación de pandemia que estamos a vivir.

Pola contra, a portavoz do PP, Paula Nogueira, cargou contra as contas presentadas polo Goberno municipal, asegurando que se trata dun orzamento que “o único que pon de manifesto é a falta de ideas e a ineficacia na xestión do BNG”.

Nogueira, que recoñeceu a dificultade de articular uns orzamentos nunha época de incerteza e preocupación como a que se está vivindo, cualificou de “incomprensible” que o executivo local presente a finais de febreiro do 2021, unhas contas que, na súa opinión, deben servir para facer fronte ás terribles consecuencias da pandemia. “É, de xeito evidente, inxustificable que o BNG aplique as mesmas pautas, os mesmos criterios e as mesmas liñas de actuación que si estivésemos na xa coñecida vella normalidade". Subliñou que, nestes momentos, os veciños teñen necesidades económicas e sanitarias moi diferentes ás doutros anos.

A portavoz popular indicou que o actual momento demanda unha estratexia a medio e longo prazo, que debería plasmarse na presentación de proxectos máis ambiciosos e cun retorno claro para os carballeses. “En lugar disto, as contas presentadas poñen de manifesto máis do mesmo, relaxación, tranquilidade e conformismo por parte do executivo local”, dixo.

“O único que fan é sacarse fotos, anunciar proxectos –Casa Social dos Mestres- e levar a cabo unha constante maquillaxe que axude a disimular a súa falta de xestión”, indicou Nogueira.

Desde o Partido Popular de Carballo botan en falta que as contas municipais recollan algunha partida máis importante para poñer en marcha proxectos de carácter social nun momento, dixo Nogueira, de máxima urxencia socio-sanitaria. “Tampouco atopamos un euro para novas instalacións deportivas ou para mellorar as xa existentes, non hai partidas para mellorar os viarios de entrada e de saída do concello, nin para humanizar as rúas do municipio, nin para sacar adiante proxectos como o da avenida de Fisterra ou Vila de Negreira”.

Cadro de persoal

Na sesión tamén foi aprobado, coas abstencións de PP e TeGa e os votos a favor de BNG e PSOE, o cadro de persoal, composto por un total de 305 prazas, das que 153 están vacantes. Igualmente aprobaronse facturas pendentes de 2020 por importe de 94.100 euros, coa abstención dos grupos da oposición; a resolución contractual por mutuo acordo da concesión do quiosco do xardín, por unanimidade; o expediente de investigación da titularidade dun terreo en Bértoa, coa abstención do PP e os votos en contra de TeGa; e a modificación do PXOM para a construción dun aparcamento no polígono de Bértoa, coa abstención de TeGa. Tamén se deu conta da renuncia da concelleira Milagros Lantes á dedicación exclusiva tras a súa xubilación.

Acto na memoria das vítimas da COVID

Sinalar que a sesión ordinaria, aínda que se celebrou de xeito telemático, comezou cun minuto de silencio polas vítimas da COVID e o compromiso expresado polo alcalde, Evencio Ferrero, de organizar un acto público na súa memoria cando a situación sanitaria o permita.

23 feb 2021 / 18:22
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.