Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 16 agosto 2022
18:05
h

Arranca unha nova campaña contra a avespa velutina en Carballo

O alcalde, Evencio Ferrero reuniuse hoxe cos apicultores e apicultoras que traballarán en conxunto ata finais de maio // Por primeira vez realizarase un rexistro informático para facer un balance de trampas e capturas

Carballo. O Concello de Carballo pon en marcha unha nova campaña de trampeo da avespa velutina en colaboración cos apicultores locais.

O propósito conxunto está en reducir a poboación de avespas e as súas consecuencias coas campañas anuais de trampeo, nas que Carballo foi un concello pioneiro. Hoxe presentouse a correspondente a este 2021 no Fórum Carballo, onde se reuniron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Servizos, Luis Lamas; o responsable da empresa concesionaria do Servizo Municipal de Control de Pragas, Isidro Rodríguez, e un reducido grupo de colaboradores e colaboradoras habituais nos últimos anos, na súa maioría apicultores e apicultoras.

A campaña arrinca coincidindo co momento no que as avespas espertan do seu letargo invernal. As primeiras xa caeron na trampa que se colocou esta mesma semana na Praza de Galicia, o que indica que comezaron xa a súa actividade. Nos próximos tres meses, ata finais de maio, intentarán atrapar o maior número de raíñas.

O rexedor carballés e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, agradeceron a colaboración do sector da apicultura e reiteraron o compromiso do Concello de Carballo de seguir loitando contra esta praga. Neste sentido, tanto os representantes municipais como os apicultores presentes na xuntanza lamentaron o cambio de xestión na loita contra a avespa asiática despois de que a Xunta de Galicia decidise asumilo, e dende o público expresáronse varias queixas porque os niños ou ben non son retirados ou tárdase en facelo.

O goberno local considera que ese cambio de xestión “pode ser unha das causas de que no ano 2020 só se retirasen uns 400 niños, case a metade que o ano anterior”, comentou. A consecuencia desa unificación por parte da Xunta, Evencio Ferrero lamentou “que se retiren menos niños non porque hai menos, senón por incapacidade para atender todos os avisos”.

Unha das novidades da campaña deste ano é que se realizará un rexistro informático para coñecer a situación de todas as trampas e as capturas que se producen en cada unha delas. As persoas interadas na instalación dunha trampa velutina nun lugar da súa propiedade e de xeito gratuito poderán solicitalo mediante un formulario ao que se pode acceder mediante a páxina do Concello.

04 mar 2021 / 19:19
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.