Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
15:46
h
INNOVACIÓN. O seu promotor é o coñecido piloto do rally Dakar, Fran Gómez Pallas // Teñen estrutura de aceiro e porche de madeira termotratada cun método xaponés // Campings ou segundas vivendas supoñen o groso do mercado // Está a atender entre corenta e sesenta chamadas diarias TEXTO Lorena Rey

Arrancan con éxito en Carballo as cabanas modulares de Quechova

Os meses de pandemia son para moitos o momento de reinventarse. Fai uns meses o coñecido piloto de Carballo Fran Gómez Pallas tivo a idea de crear as cabanas modulares Quechova. A idea xurdiu dun proxecto que estaba realizando para el sen vistas a que se convertira nun negocio. Foi todo un cúmulo de casualidades. “Cando comecei a facer a cabana no taller e foi collendo forma gustábame moito. Ademais, fun vendo que lle interesaba notablemente á xente e decidín expoñela aquí”, recorda. Que todo saíse adiante tamén foi a consecuencia do aprazamento da súa participación no rally Dakar cunha moto de enerxía renovable. Todo o seu tempo foi destinado á construción das cabanas.

A súa estrutura é de aceiro, menos o porche, que é madeira maciza termotratada cun método xaponés. Conta cun illante térmico e acústico moi potente. “Se entras na cabana e pechas todo non se escoita nada de fóra e resulta moi fácil de quentar”, comenta. Os acabados por dentro tamén son de madeira, mentres que as cores son baixo elección do cliente. Ofrecendo todas as comodidades que nos proporciona unha casa, pero neste caso en tamaño reducido, o seguinte paso para moitos é valorar o prezo, que é duns mil euros por metro cadrado. Se nos centramos na que hai na actualidade en exposición, de 24 metros cadrados, iríamonos ata os 24.000 €.

A cadea de produción implica a outras empresas. “Nós facemos a estrutura da cabana e poñémoslle o panel sándwich, é dicir, encargámonos do esqueleto. Ademais temos de man carpinteiro e electricista.

Polo que pode observar Fran nestas semanas, non hai un público obxectivo marcado. “O máis potencial sería para tema de campings ou persoas que queiran unha segunda vivenda como casa de invitados”, destaca. A maiores tamén hai xente que está interesada en tela como despacho para traballar telematicamente ou incluso como oficina de turismo en praias.

O feito de estar confinados fixo que a xente se decantara por este tipo de construción no momento de poder saír. “A xente pregunta se se pode colocar nun determinado sitio, pero primeiro de todo hai que mirar se é urbanizable ou non, xa que a normativa de cada sitio é distinta”, comenta. No referente á súa colocación, se hai acceso á finca para a entrada do camión pode quedar instalada nunha mañá. Dende os seus comezos teñen unha cabana exposta na travesía de Bértoa. A finca atópase fronte a un paseo de bicicletas e peóns, o que fai chamar a atención de todos os carballeses e carballesas que pasean a diario por alí ou dos que pasan co coche e paran a sacar fotos. “Ao carón hai un panel informativo, o que fai que teñamos entre 40 e 60 chamadas diarias. Algúns simplemente chaman por preguntar e outros porque realmente lle interesa”, afirma ao respecto.

PASO A PASO. O negocio comezou a funcionar fai un mes e medio e xa hai varios pedidos case pechados. “Dez irán para O Grove e outras para a zona de Razo”, conta Fran. A maiores están a construír dúas para ter de mostra. Considera que o proxecto non podía ter maior repercusión e que o negocio emerxe nun bo momento. Con poucas semanas a acollida faise notar e o proxecto xa chega máis alá de Galicia. “Hai xente interesada de Valencia, País Vasco ou Canarias. Incluso estivo aquí unha persoa que veu de Suiza e quería mirar a posibilidade de exportalas á República Dominicana”, conta. O que está claro é que nestes tempos moitos desexan ter unha cabana “pola liberdade que aporta”. A escasos meses de entrar no verán as expectativas son moi boas.

30 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.