Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As gravacións de Ponteceso á Fiscalía

Ponteceso. O portavoz do Partido Popular de Ponteceso, Daniel García Cotelo, vén de denunciar ante a Fiscalía o que considera que pode ser constitutivo dun delito contra a intimidade e contra a administración pública, en relación coas gravacións que supostamente se realizaron no despacho da alcaldía. Na súa denuncia fai referencia á publicación e difusión de diversas conversas mantidas entre o alcalde e tres concelleiros en maio do ano 2020, “nun encontro privado e onde supostamente falaban de cuestións económicas”. A intención, afirma, “é que a Fiscalía investigue que sucedeu, quen gravou e quen fixo posible que estas conversas chegaran ata os cidadáns”. Ao seu xuízo, “parece claro que as gravacións tiveron lugar no despacho do alcalde” polo que quere coñecer se a Fiscalía considera que a instalación de cámaras neste lugar é constitutivo dun delito, “se seguen instaladas agora, cando se instalaron e se captaron máis conversas ou encontros”.

Do mesmo xeito, inclúese no texto presentado ante a Fiscalía a suposta destrución de documentos públicos custodiados no despacho do alcalde, co fin de que se investigue o motivo polo cal “o rexedor poido ordenar ou permitir tal acción”. O portavoz popular asegura que se solicitou ao alcalde unha explicación de todas estas cuestións en numerosas ocasións, á vez que tamén se pedíu, sen éxito, a creación dunha comisión de investigación destes feitos. “Polo ben dos nosos veciños, por garantía democrática e por compromiso coa nosa vocación de servizo público, nos vemos obrigados a elevar esta cuestión á Fiscalía”, conclúe García Cotelo.

Ao marxe da denuncia, Daniel García Cotelo volveu reclamar “altura de miras” aos responsables do PSOE provincial e galego, xa que considera que están “condenando aos cidadáns de Ponteceso a unha situación que cada vez será máis difícil de solucionar”. “Non pode ser que teñamos un goberno de tres concelleiros, en clara minoría, sen ganas de traballar, centrado nos seus intereses persoais, actuando supostamente fóra da lei e que ninguén faga nada”, lamentou, á vez que lembrou que a responsabilidade desta situación é unicamente dos socialistas, que obtiveron os votos necesarios para gobernar “con tranquilidade” e o que están a facer é precisamente todo o contrario”.

10 jul 2021 / 13:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.