Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Asignados os premiados do Xosé Manuel Eirís de fotografía

Venceu José Ignacio Vizoso con Tienda de arte // Este ano celebrouse a 23ª edición para a cal se presentaron 153 obras de 64 participantes

Carballo. A 23ª edición do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís xa ten un novo gañador: José Ignacio Vizoso Pena. Coa súa obra Tienda de arte acadou o primeiro premio, dotado con 1.500 euros e diploma. O segundo, patrocinado pola Fundación Luis Calvo Sanz e dotado con 750 euros e diploma, foi para Entroido, de Cándido Díaz Mosquera, e por último, o Premio Especial Carballo –500 euros e diploma– recibiuno El sueño del pescador, de Ángel Atanasio Rincón, fotógrafo de Ciudad Real xa coñecido no Concello carballés tras ser o vencedor da 20ª edición.

O xurado tamén decidiu outorgar accésits, patrocinados por Interfilm Carballo e dotados con 150 € e diploma cada un deles, ás fotografías Atrapada, de José Ángel Arias Tomás, e A fiestra dende a que non te vexo, de Marcos Rodríguez Cotelo, carballés que anteriormente foi o gañador en varias edicións do Xosé Manuel Eirís.

O equipo do xurado estivo presidido por Marcos Trigo Facal, concelleiro de Cultura, e formado por Ana María Rama Rama, en representación da Asociación de Veciños San Salvador de Sofán; Ángel Cordero Gómez, fotógrafo e profesor de fotografía da Escola de Imaxe e Son da Coruña; Fernando Fernández Páez, fotógrafo profesional licenciado en Belas Artes; Antonio Gutiérrez Pereira, fotógrafo profesional e gañador do 1º premio da anterior edición do certame; María Victoria Rivadulla Conde, pintora, escultora e técnica de Cultura do Concello de Muxía, e María del Carmen Castro Pombo, xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo, en calidade de secretaria.

Este ano presentáronse 64 participantes, cun total de 153 obras. Segundo informaron dende o goberno local, a partir do 3 de maio poderá visitarse no Pazo da Cultura unha mostra das fotografías gañadoras das edicións 22ª e 23ª xunto cunha pequena selección realizada polo xurado de obras presentadas ao certame.

19 abr 2021 / 18:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.