Asociación de minusválidos O Peñón de Laxe: 20 anos loitando contra as barreiras arquitectónicas
En pleno século XXI, segue a haber dificultades para as persoas con problemas de mobilidade, como por exemplo en cadeira de rodas no acceso a edificios públicos, ou ben para moverse con facilidade por rúas e prazas, ademais doutras dificultades como son as de conseguir un posto de traballo. Para conseguir erradicar as barreiras arquitectónicas que dificultan o seu día a día, creouse no 2001 a Asociación de minusválidos “O Peñón” de Laxe.
A entidade xurdiu por iniciativa do actual presidente, Ricardo Facal. “Convocou unha primeira xuntanza con todas as persoas con minusvalía do Concello e con esforzo conseguimos saír adiante”, apunta Fran Pose Santos, secretario da Asociación. Nun primeiro momento o propósito era tratar as barreiras arquitectónicas e conseguir a incorporación laboral das persoas con discapacidades motoras. “Este último aspecto quedou a un lado xa que no concello veciño de Cabana xa se atopa Íntegro que trata este tema e ademais os nosos máis de 200 socios son persoas maiores, polo que a cuestión laboral xa a teñen resolta ou xa quedou atrás”, explica en detalle. Deste xeito foron diversificando: adicándose máis á cultura e realizando reclamacións no referente aos aspectos sociais. Dispoñen dun local social no que realizan actividades de lecer ou formativas e diversos cursos como de axedrez ou cestaría. Ademais, dúas veces ao ano organizaban excursións. “Viaxar non é nada fácil se tes unha minusvalía que supón unha gran redución de mobilidade”, destaca. Co tema da COVID está todo paralizado.
SERVIZO DE FISIOTERAPIA. Dende fai quince anos ofrecen o servizo de fisioterapia que Fran Pose define como “o gran barco insignia”, xa que é onde vai destinado o groso dos ingresos que dispoñen das subvencións e tamén a razón pola que hoxe en día a Asociación é coñecida. “Presta atención a máis de 100 persoas ao ano en múltiples citas”, apunta. Nestes meses de pandemia o servizo está en suspenso. Funciona grazas a un acordo co Sergas no que se lle permite utilizar o centro de saúde de Laxe. Deste xeito, dende a entidade contratan a unha fisioterapeuta que presta os seus servizos no lugar. “Agora non se pode usar pola COVID. Iso é un problema xa que a clínica de fisioterapia coa que traballamos está en Vimianzo e así os socios/as que necesiten recibir algunha sesión vense na obriga de desprazarse”, comenta.
INCERTEZA ANTE A COVID. A situación actual fai que o equipo da presidencia se tivera que reunir telematicamente para resolver determinadas cuestións. Ademais coincide que nas vindeiras semanas terían que convocar a Asamblea xeral anual, que a situación actual se pospoñerá ata que as restricións sexan máis leves.
O secretario de “O Peñón” recorda que no verán pasado había socios que pedían unha excursión que finalmente non se chegou a realizar. “Normalmente enchíase un autobús ou incluso dous, e para nós iso era moi arriscado. Tamén tivemos en conta a idade dos socios e socias”, di. Fran non se atreve a facer prognósticos para os próximos meses: “agora hai que ir pasiño a pasiño, vendo como evoluciona a situación”.
RECLAMAN ACCESOS. Os membros da presidencia buscan solucións en contra de barreiras arquitectónicas en obras novas “que realmente non poden existir e que dificultan a mobilidade”. Fai meses que lle afirmaron que se arranxaría o problema pero o tempo pasa e seguen sen ver respostas. Esta reclamación fai referencia á nova fase do acceso ao porto de Laxe e por outra banda, no acceso ao local social. Neste último caso “fai un ano e medio que está a zona valada porque están á espera de entregar a obra”. Dende a Asociación solicitan que se solucione o antes posible.