Licitarán este mes as obras de mellora do salón de actos do IES Alfredo Brañas
CARBALLO. A Xunta licitará este mesmo mes as obras de mellora do salón de actos do instituto Alfredo Brañas de Carballo. Así o explicou o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Educación, Manuel Vila, no Parlamento de Galicia, onde sinalou que esta actuación “vén reafirmar o compromiso do Goberno coa reforma destas instalacións”.
A obra contará cun orzamento de 350.000 €, o que supera en 120.000 € a valoración técnica inicial. Seguindo os estudos técnicos, realizarase unha obra de acondicionamento e mellora do salón de actos, que contempla a instalación de apliques e luminarias para unha nova iluminación LED, a modificación das instalacións de electricidade, a preinstalación de nova megafonía, o pintado e revestimento de paredes e actuacións sobre o teito, cunha rede de protección baixo forxado de bovedilla. A actuación implicará desmontar as butacas, a luminaria e o falso teito. M. LAVANDEIRA